Magostos e festas da esfolla aderezan a axenda de lecer da fin de semana na comarca

Magostos e festas da esfolla aderezan a axenda de lecer da fin de semana na comarca
Edición da esfolla de Moeche de 2019

A axenda da fin de semana recenderá a tradición nalgúns puntos da comarca. Doso e Moeche citaranse coas súas respectivas festas da esfolla mentres que os magostos convertirán ás castañas en protagonistas das citas organizadas por diferentes entidades, nas que non faltarán as actividades para poder gozar dunha animada tarde de sábado.
 

Festa da Esfolla de Moeche

A asociación veciñal de Labacengos, en Moeche, abrirá ás 14.30 horas o programa da Festa da Esfolla, que terá lugar no local social do Ventoeiro. Tralo xantar popular, sobre as cinco da tarde comezará a propia esfolla. As pezas musicais de André e Alexandre ao acordeón e a gaita ambientarán unha cita na que tamén poderán ser contempladas as creacións en madeira de Pepe e Suso López. Doutra banda, o castelo do municipio acollerá o domingo, ás 12.00 horas, a presentación do libro “Moeche na memoria”.
 

Doso

Tamén na parroquia naronesa de Doso –na pista polideportiva– celebrarán esta tarde, a partir das 17.00 horas, a Recreación da Esfolla. Impulsada pola AVV A Naveira coa colaboración do Padroado da Cultura, incluirá obradoiros, concurso de sobremesas, música e unha demostración desta tradicional tarefa do campo.
 

Xantar en Lamas

En San Sadurniño, a AVV Xuntanza de Lamas organiza un xantar e magosto no que tamén se poderá gozar da exposición itinerante “Mulleres da Galicia Máxica” composta por varias fotografías en grande formato de máis de cen mulleres do municipio.
 

Saberes pasados na Capela

O Museo Etnográfico da Capela organiza esta tarde, a partir das 16.00 horas, o programa “Saberes pasados para tempos presentes” na Casa do Pazo. A xornada incluirá a presentación da ruta “Máis Aló dos Eidos”; un faladoiro con Begoña de Bernardo Miño, do Centro para a Resiliencia Pousadoira (18.00 horas). En paralelo, haberá un contacontos para o público infantil. Un magosto (19.30 horas) poñerá o peche.
 

Magosto en Ferrol Vello

A asociación veciñal de Ferrol Vello celebrará esta tarde o magosto cunha xornada que dará comezo ás cinco da tarde coa actuación do mago Magic Mateo. A actividade continuará ás 18.30 horas cunha merenda a base de castañas e obradoiro de manualidades con Xiana.
 

Animación en Canido

A tradicional festa do outono terá tamén o seu protagonismo no Centro Cívico de Canido, lugar escollido polas asociacións Muíño do Vento, Fundaçom Artábria y a entidade veciñal do barrio para celebrar o magosto popular previsto para as 18.30 horas. Repartiranse castañas, gratuitamente, con cada consumición e a música e o baile acompañaranse tamén dunha queimada.
 

Samaín en Caranza

Noutro barrio ferrolá, o de Caranza, a xornada deste sábado virá marcada pola celebración do Samaín, a partir das 17.30 horas no centro cívico. O canta baila, obradoiros de maquillaxe, un magosto con degustación de castañas e boliños preñados e a actuación dos Carecos debuxarán o programa festivo.
 

Mugardos

A Sociedade Amigos da Paisaxe Galega do Seixo, en Mugardos, celebra tamén mañá o magosto cunha xornada que desde as seis incluirá varias propostas.

Magostos e festas da esfolla aderezan a axenda de lecer da fin de semana na comarca

Te puede interesar