Luis Ramos: “Ferrol non tivo nin ten un escritor como Torrente Ballester”

Dirixe "Las hermanas Recalde" que se reestrea no Jofre o día 28
Luis Ramos: “Ferrol non tivo nin ten un escritor como Torrente Ballester”

Case catorce anos pasaron desde a estrea de “Las hermanas Recalde”, a adaptación que Teatro Oquetiqueiras, do Grupo Bazán, fixo dunha das últimas novelas que escribiu Torrente Ballester. Daquela foi Luis G. Ramos o seu director, cometido no que recunca cunha nova versión que, agora co gallo dos actos que o Concello de Ferrol organiza polo 25º aniversario do pasamento do serantino, se representará o domingo 28 de xaneiro ás 19.00 horas no Teatro Jofre.

 

Como xurdiu a primeira versión de “Las hermanas Recalde”? 
Foi en 2010, coincidindo co centenario do nacemento de Torrente, cando decidimos adaptar a novela “La boda de Chon Recalde” e darlle un formato dramático. Xa pasaron case 14 anos e cando falei con Ponte Far para preparar a función do día 28 díxenlle que tiña que ver se podía contar co mesmo elenco. Así, dos once, seis xa formaban parte da obra daquela. Cada un deles vai afondar no seu perfil de personaxe de cidadán ferrolán dos anos 40, porque este traballo céntrase moito en contar como era a sociedade ferrolá de entón, nun contexto político moi determinado. As dúas irmás son fillas dun capitán de navío fusilado polos sublevados, o que, dalgunha maneira, marca un pouco esta cidade de recios costumes, como dicía Torrente. Ámbalas dúas son aceptadas pola sociedade do momento porque ao mesmo tempo son netas de dous almirantes. O argumento da obra xira arredor destas dúas mulleres que veñen de Madrid despois de ter estado estudando fóra e que son de ideas ben diferentes.


Torrente Ballester soubo captar ese ambiente. Malia o paso do tempo, cre que aínda será recoñecible para o público ferrolán? 
A historia desenvólvese en 1942 e a maioría da xente non vai ver a obra que daquela tiña Torrente na cabeza nin terá esas vivencias, pero dalgunha maneira segue fixando remorsos na sociedade actual ou, cando menos, na máis recente. Para sermos fieis á novela, o que intentamos con esta versión é mostrar que todo ese ambiente non era propio exclusivamente da posguerra. Eu teño 66 anos, traballei uns cantos anos no Arsenal e podo dicir que segue habendo moitas marcas sociais que aínda prevalecen.

 

Hai moitos cambios, á marxe do elenco, con respecto á de 2010? 
Si, houbo que facer. Na obra hai moitos cambios de espazos escénicos, polo que o primeiro que requiría era que fora áxil. Vimos que nalgún momento se daba unha información máis superficial e noutros quixemos incidir nalgún aspecto en concreto para que quedase claro. Unha das escenas de 2010 eliminouse e outra incluímola. Ademais, démoslle á orde das escenas un sentido máis dinámico para que os diferentes cambios de espazo e de ritmo non quedaran con tantos “apagóns”. Fundamentalmente pensamos en darlle maior fluidez e iso derivou nestes cambios de texto, que, por outra parte, foron pouco significativos en canto ao que xa tiñamos recollido no texto de 2010. Tratar de buscar axilidade na montaxe. A duración é a mesma, arredor de 85 minutos; non se podía recortar máis e tampouco queriamos pasar da hora e media. Xa adaptaramos outras obras sobre Torrente, desde que en 2001 fixemos “Una gloria nacional”.

 

Por que lle resulta tan atractiva a literatura de Torrente? 
Torrente só escribiu oito obras de teatro. Fixéronse moitos guions cinematográficos, sobre todo, e el sempre foi unha persoa moi aberta, implicada no traballo que se podería facer noutros xéneros ou artes coas súas obras. De aí que houbera moitas series e películas baseadas nelas, pero coido que as de teatro serían difíciles de poñer en cartel a día de hoxe porque duraban máis de dúas horas. Nese formato, se non fas versión ou adaptación ou actualizas o texto, dificilmente podería volverse representar. Con respecto á súa importancia, teño claro que Ferrol non tivo nin ten un escritor tan significativo como Gonzalo Torrente Ballester. 

Luis Ramos: “Ferrol non tivo nin ten un escritor como Torrente Ballester”

Te puede interesar