Os libreiros da cidade pensan xa na vindeira Feira do Libro logo de pechar unha edición “que valeu a pena”

Os libreiros da cidade pensan xa na vindeira Feira do Libro logo de pechar unha edición “que valeu a pena”
Feira do Libro de Ferrol, a primeira hora da mañá, con Antonio Manuel Fraga asinando no stand de Day e Julio Rilo, en Cortizas. Abaixo, Festa do Libro en Pontedeume | e.c./m.r.

Ferrol despediu onte unha nova edición da Feira do Libro, a que abre o calendario de encontros deste tipo en toda Galicia e que se fai coincidir co Día do Libro, o 23 de abril. Antonio Martínez, presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrolterra, facía balance xusto cando se pechaban as portas e amosábase moi satisfeito coa resposta cidadá a esta convocatoria. A afluencia foi grande, co sábado como día forte, o tempo respectou e os libreiros, que se esforzaron por ofrecer unha interesenta selección de autores e promoveron actividades, tiveron un bo retorno.

“Valeu a pena, a xente respondeu moi ben. Quero recalcar que os libreiros e a agrupación estamos moi agradecidos pola xente que se volcou coa feira”, explica Martínez, responsable ademais da libraría Day, na Gándara. A edición do ano pasado foi moi boa e tamén a deste 2022, que aínda estivo marcada pola pandemia. O desexo é que para o ano próximo xa non haxa que ter en conta a enfermidade e que se poidan poñer en práctica as ideas que teñen en mente. “Para o ano que vén temos pensado unha cousa distinta, con moitas máis actividades”, apunta o presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrolterra.

Desde o venres, en que Pilar García Negro inaugurou a feira, ata o día de onte, pasaron 26 autores para asinar exemplares e tamén para presentar as súas novidades. Onte mesmo, este plantel abríano Antonio Manuel Fraga con “Papá caníbal”, Julio Rilo con “Los irreductibles”, Sabela Cagiao con “Gomets”, Xabier Cid con “10.000 millas de andar na bici”, Miguel Anxo Romero con “O voo da bubela e “Cantares do faro” e Xosé Lastra con “Retorno sen volta”. Tamén se presentou “O caso dos amantes de París”, de Miguel Alonso. Iso só pola mañá, porque pola tarde tamén se deu a coñecer “No faiado”, de Cristina Corral e Leandro Lamas e asinaron Xavier Alcalá, Rober Cagiao (“Misterios de Ferrolterra”) e Miguel Gacio (“Diario de guerra”). 

Os libreiros da cidade pensan xa na vindeira Feira do Libro logo de pechar unha edición “que valeu a pena”

Te puede interesar