“Lévame a idea”, un documental de tres creadoras que oportunamente chega a Ferrolterra polas Letras

A peza audiovisual preséntase esta semana en Artábria e no centro social de Sedes, por parte de Vai Rañala Meu!
“Lévame a idea”, un documental de tres creadoras que oportunamente chega a Ferrolterra polas Letras
O filme estreouse en Vilalba e agora chega á comarca da man de Laura Varela, de Malpica | CEDIDA

Antes de que a Academia decidira dedicar as Letras Galegas deste ano ás cantareiras, tres mulleres de distintas xeracións (Laura Varela, Vanesa Siso e Iria Villares) foron conscientes do labor  imprescindible destas creadoras e divulgadoras para a música tradicional. Por este motivo, comezaron o documental “Lévame a idea”, asinado por Navíos e Folerpas, que se proxectará mañá no centro social Artábria, ás 19.30 horas, e o sábado, ás 16.00 no centro cívico de Sedes, organizado pola asociación Vai Rañala Meu!.


Por medio das protagonistas deste filme, entre as que se atopan tanto artistas anónimas como profesionais recoñecidas para dar cabida a múltiples perspectivas, proponse unha reflexión sobre como se conforma a música tradicional. Este foi o punto de partida da peza, que no transcurso se foi apoiando sobre outros dous piares fundamentais: o idioma como identidade e a memoria histórica, xa que a cadea de transmisión rompeu coa ditadura franquista.


“Aínda que hai un bum da música tradi e as foliadas están cheas afortunadamente, pensamos que hai un gran descoñecemento de onde vén todo isto”, sinala Laura Varela, que polo seu vínculo co territorio expresou a súa ilusión por presentar a película nas dúas citas en Ferrolterra, referindo a orixe que ten a propia tradición oral nas mulleres.


Precisamente a avoa desta creadora de Malpica, Carmen de Tines, que lembra a súa infancia “cantando e bailando con ela”, foi a primeira protagonista. No agosto do ano pasado, Vanesa Siso e Iria Villares, ambas pandereteiras e mestras desta arte en Vilalba, onde tivo lugar a estrea do documental no mes de marzo, foron á súa casa a facer unha recollida. “A min tamén me fixo facer un viaxe á memoria porque eu, como moita xente de Bergantiños que emigramos á cidade, á Coruña, perdín o uso do galego, do baile, de cantar... perdino por vergoña”, continúa Varela, en relación a unha experiencia sobre a que tamén xira o documental.


A partir da súa avoa viñeron outras con nomes coñecidos como os de Felisa Segade ou Mercedes Peón, así como as perspectivas máis académicas que achegan distintas profesionais como a antropóloga, historiadora e musicóloga Beatriz Bustos, autora do libro “Pandereteiras de Mens” (2021), ou a etnomusicóloga Xulia Feixóo. Do mesmo xeito, participaron dúas filólogas, María Xosé Silvar (Sés) e Xiana Lastra.


Esta última, integrante da Banda da Loba, levou a rodaxe a Ortigueira, en cuxas tomas non podía faltar o mural da punkiereteira que loce á entrada do concello, elaborado por Lidia Cao e Cristian F. Caruncho. Acerca desta protagonista, Laura Varela apunta que “penso que foi a primeira que nos abriu ese camiño” que conecta o tema inicial coa identidade idiomática.


Así pois, o documental, que rexistra “conclusións de todo tipo”, tamén anima a reflexionar sobre o “papel que podería ter a música tradicional no uso do galego”, formulando preguntas como se esta arte pode salvar a sociedade da galegofobia ou se existe unha relación real entre a  súa práctica, que no filme se dá conta da súa proliferación, e a perdurabilidade do idioma.

 

Proxecto

“Cando comezamos a pensar nalgunha persoa coñecida que se dedique profesionalmente a isto case sempre saían nomes de homes, homes que admiramos”, pero chamaba a atención, sobre todo entre as respostas da xuventude, a ausencia de grupos de cantareiras e pandereteiras.


As tres creadoras lanzáronse á aventura de realizar este documental sen ningunha axuda, “por un desexo de xustiza”, manifesta Laura Varela, engadindo que tempo despois foron recompensadas con apoios como o da Deputación da Coruña, que posibilita a proxección en dez concellos da provincia. Foi unha vez souberon a quen se dedicarían as Letras Galegas deste ano cando non puideron deixar escapar a oportunidade que supoñía a publicación, en canto a súa difusión e posibilidade de repercusión.


“De cada muller que entrevistamos fariamos un documental”, comenta Varela sobre o proceso creativo, no que mantiveron conversacións individuais de varias horas para rematar cun resultado de pouco máis de hora e media para todas elas. Entre as protagonistas inclúense testemuños como os de Teresa dos Cucos, recoñecida co premio Mestra da Memoria no 2021, persoas que son “practicamente analfabetas pero que fan auténtica poesía”, destaca a creadora de Malpica.


Deste concello son as Pandereteiras de Mens, que non s­oamente forman parte das homenaxeadas nas Letras senón que ademais son responsables do título do documental. Nun audio que se conserva destas música falan do motivo polo que tocan a pandeireta, unha práctica que levan a cabo porque “lles leva moito a idea”, unha expresión moi galega, que non ten tradución e representa á perfección o feito de facer por facer, por amor á arte. 

“Lévame a idea”, un documental de tres creadoras que oportunamente chega a Ferrolterra polas Letras

Te puede interesar