Jorge López: “Dragar partes da ría é unha alternativa, pero primeiro hai que facer catas no substrato”

Tratamos de unirnos con outras confrarías, pero o problema era que as lonxas non poden estar fóra dos portos
Jorge López: “Dragar partes da ría é unha alternativa, pero primeiro hai que facer catas no substrato”
O patrón maior do pósito fenés, na depuradora, esta semana I D. Alexandre

Cando empezou a traballar no mar en 1997,  Jorge López –Vilalba, 1972–, patrón maior da confraría de Barallobre, non imaxinou que viviría a crise produtiva que está a sufrir a ría. Os datos son desoladores e iso só xera desesperación.

 

Para quen leva case trinta anos traballando no mar, esta situación ten que ser o peor...
Tivemos épocas moi boas, de traballar 600 persoas na ría e nesta propia lonxa entrar 1.000 quilos de babosa diarios. Levamos dicindo desde hai dez anos que isto vai en decadencia e cada vez  notámolo máis. Hai un problema real que temos que identificar. En 2018 intentamos facer un estudo integral; fíxose unha pequena memoria e sacamos algunha conclusión, pero precisamos dunha ferramenta máis ambiciosa porque dentro da ría hai moitas zonas diferentes... Por outra parte, en infraestruturas novas que no seu momento non tiveron un impacto inmediato, co paso do tempo empezaron a verse os problemas. Como mariñeiro, penso que o porto exterior nos afectou e temos outros exemplos para comparalo, como a ponte da autopista. Antes de que existira, aquel banco remataba en triángulo e, cando se fixo a autovía, abriuse porque hai correntes por varios sitios distintos... Ou a ponte das Pías, pois coas escolleras o único que temos é lodo. 

As zonas produtivas da ría van a menos...
Hai zonas con capas de lodos de dous metros. Por iso dicimos que é necesario facer o estudo, identificar as distintas capas de substrato que temos ou as diferentes especies por se somos quen de atopar algo nelas... Estamos a ver que hai pequenos recrutamentos, que medran e, cando chegan aos 25 milímetros, desaparecen...

 

Pode ser por culpa dun depredador ou dun parásito?  
É que non atopamos as cunchas, nin nós, as confrarías, nin a empresa contratada pola Xunta, Seaga. Chámanos moito a atención, pois probamos de todas as maneiras: botando grava e area, esperando que collera o limo que ten para que poida suxeitar a larva ou construíndo unha especie de castelo, protexido con nasas para que os depredadores non poidan entrar... Pero desaparece igualmente. Nós agradecémoslle á administración que estea poñendo cartos para intentar protexer o recurso, pero ese esforzo non se reflicte no resultado. Creo que debe buscarse diñeiro para facer un estudo de verdade e ver a maneira de atallar o problema. Porque pasamos de ter entre as tres confrarías 700 socios a menos da metade...

 

O desemprego é a consecuencia. 
A ría chegou a ser, despois dos estaleiros, a empresa máis importante e axudou a crear moita riqueza. Ademais, había relevo xeracional, pero hoxe ninguén quere saber nada do mar. A xente quere ter un traballo fixo e iso hoxe en día non o ten no mar. Hai quen probou fóra, saíu do sector e xa non vai volver. Na miña confraría, o máis novo ten máis de 40 anos. Penso, de todas formas, que se se fixese o estudo e se encontrase a causa e unha solución, a ría podería volver dar traballo a moitas persoas. Se non tes produto, perdes os clientes, por moito que lles guste o teu produto, e iso tamén repercute nas confrarías; moitas están coa auga ao pescozo.

 

As confrarías deben unirse? 
Nós en 2019 e 2022 intentamos unirnos e buscar un único punto de venda que sería no polígono de Vilar do Colo. Daquela, o problema era que non podiamos ter unha lonxa separada dos portos. Logo xa veu toda esta crise e é unha pena que esteamos todas as confrarías con 20 ou 30 quilos intentando pelexar por vendelo, cando ao mellor se estiveramos todos xuntos teriamos a ocasión de vender máis, atraer clientela e darlle a toda a hostelería da contorna a posibilidade de ter produto de quilómetro 0.

 

O obstáculo principal é de tipo técnico ou aínda hai diferenzas importantes entre vostedes?
O problema principal era buscar o punto de venda e nas xuntas xerais das confrarías algunhas o aprobaron e outras non. Se cadra faltounos ser quen de explicárllelo ben. Había medo a que algunha desaparecera. A proposta era que nos pósitos quedaran o biólogo e o secretario e logo ter un punto de venda único no polígono, cunha xestión rotatoria. En 2022 empezou a haber diferenzas sobre onde localizar a lonxa e a administración díxonos que non podía estar fóra dos portos. O que temos que facer é intentar mellorar, non ir para atrás.

 

Tratamos de unirnos con outras confrarías, pero o problema era que as lonxas non poden estar fóra dos portos

 

Poden as confrarías diversificar máis na oferta de produto? 
Nós, dentro dos produtos que temos e que non se comercializan, estamos analizando a viabilidade dun novo plan, pero ten que ter mercado. O cambio climático non axuda e tampouco podemos pecharlle a porta: virán algunhas que serán nocivas e outras que poidamos explotar se hai mercado. Pero é difícil porque son todo expectativas e iso crea incertidume. Vimos dun paro biolóxico de tres meses e, aínda que é pouco tempo, os resultados veranse a medio prazo, non agora mesmo.

 

Curiosamente, este declive prodúcese cando as verteduras de augas residuais son escasas. 
A depuración funciona, agás na zona de Neda, que aínda é C, pero cremos que o problema está no fondo, pois non está depurado.

 

A dragaxe é unha solución? 
Para poder facerse tería que analizarse en primeiro lugar o substrato. Por que? Pois porque non vaia ser que empeces a remover o substrato e haxa algo que poida perxudicar a biomasa que temos. A ría aguantou todo o que se fixo nas últimas décadas na súa contorna. E todo iso está no fondo. Eu digo que a terra e o mar parécense: os dous tes que traballalos para que sexan produtivos; se a terra está chea de silvas e plantas patacas polo medio, non van nacer; o mesmo pasa no mar. Temos que saber o que ten, onde se pode botar semente e onde non, e saber por que si nun sitio e por que non noutro.

 

Pensou en abandonar? 
Non. O mar sempre me gustou e non quero deixalo, pero se isto non dá para comer... Hai compañeiros que están mal psicoloxicamente porque un día tras outro sempre é o mesmo. Chegan aquí, ti non podes facer nada e desespéranse. Están decaídos e o ambiente non é o mesmo. Perdeuse esa alegría que había antes por traballar no mar. 

Jorge López: “Dragar partes da ría é unha alternativa, pero primeiro hai que facer catas no substrato”

Te puede interesar