martes 29/9/20

Iván Rivas | “O noso obxectivo é transformar a cidade, non acadar o goberno polo goberno”

Iván Rivas | “O noso obxectivo é transformar a cidade, non acadar o goberno polo goberno”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) preséntase a estes comicios municipais coa convicción de que a formación será “determinante para cambiar o rumbo desta cidade”. Así, o candidato da formación nacionalista, Iván Rivas, asegura que o que Ferrol merece é “un goberno valente”, polo que se postulan como a mellor opción o próximo domingo.

Non ter formado parte dun goberno que terminou fraccionado, cre que lle beneficia para os próximos comicios?
Nós tomamos a decisión naquel momento produto de que o acordo ao que tiñan chegado FeC e PSOE deixaba de lado cuestións fundamentais para nós como a recuperación dos ingresos de administracións e empresas que non pagan nesta cidade, ou o convenio con Defensa, a anulación da taxa de saneamento e otras cuestións que impedían que o BNG puidera formar parte dun goberno no que, ademáis, con dous representantes tampouco tiñamos capacidade nin lexitimidade suficiente como para condicionar o proxecto político desas dúas organizacións.

Cre, entón, nos pactos?
Non é cuestión de que crea ou non, é que non existen alternativas. Aqueles que se presentaron a estas eleccións dicindo que a única alternativa era unha maioría absoluta xa perderon. Creo que isto é unha realidade, non só nesta cidade senón en moitos outros lugares. Por tanto, os pactos son inevitables. O que si teño claro é que canta maior representación teña o BNG na próxima corporación municipal, maior será a súa posición para defender os intereses dos veciños e veciñas contra os abusos que levan soportando tanto desde as administracións públicas como transnacionais que xestionan en función exclusiva dos seus intereses económicos os nosos recursos e servizos básicos como o lixo ou a auga.

Nas pasadas eleccións xerais, o BNG gañou votos en todos os concellos da comarca. Pode extraporlarse a este 26M?
Podemos extraer algúnhas conclusións. O PP, desde o punto de vista electoral, está morto. E a representatividade do BNG creo que é evidente que se incrementará, en función dos resultados das eleccións xerais, porque duplicamos o voto respecto dos últimos comicios de 2016 e porque nunhas municipais o BNG sempre incrementa a súa porcentaxe de voto e a experiencia pasada de 2015 fainos crer que, si naquel momento partíamos de dous concelleiros e concelleiras, no momento actual se vai incrementar.

Se tivese só un día para ser alcalde, que medida levaría a cabo?
Hai, cando menos, tres cousas que poderíamos facer. A primeira sería devolver a depuradora ao seu propietario que é a Xunta para que se responsabilice dunhas obras que foron declaradas de interese xeral, que desenvolveu o Estado e que encima nos queren cargar os subrecustes da súa execución aos veciños e veciñas.
Outra das decisións sería anular o convenio con Defensa porque nos abriría un mundo novo onde poder cobrarlle impostos ao Ministerio. E unha decisión que ninguén ate este momento se atreveu a adoptar que é a peonalización integral do barrio da Magdalena. Unha redistribución do tráfico pechando unhas rúas e deixando outras abertas non é peonalizar, é provocar máis caos e máis conxestión. Necesitamos a valentía para poder facelo e creo que no momento actual calquera destas decisións só o BNG ten a valentía ou a disposición para adoptalas.

Os seus cabalos de batalla durante este mandato foron, precisamente, rachar co convenio con Defensa, o saneamento, a remunicipalización dos servizos... Seguirán sendo temas prioritarios para o BNG no próximo cuatrienio?
Si. Nós nos presentamos a unhas eleccións municipais co obxectivo de transformar a cidade non de acadar o goberno polo goberno. Aqueles que din que se non teñen maioría absoluta se irán da cidade ou non sei que farán exactamente están a dicir implícitamente que se non gobernan non hai alternativa. Da mesma maneira que aqueles que se presentan falando de pactos e afirmando que non se pode debatir sobre determinadas cuestións están a afirmar que o seu obxectivo prioritario é acadar o goberno.
A cidade se pode transformar desde o goberno e desde a oposición. Estes últimos catro anos demostraron que o BNG foi capaz de desenvolver proxectos construtivos –pasarela de Santa Mariña, mercado de Caranza ou situación do transporte público–. Imaxínense o que poderíamos facer desde o goberno; creo que o BNG sería determinante para cambiar o rumbo da cidade. Isto non consiste en acadar consensos para que todo siga igual, senón en ser o suficientemente valente para romper as dinámicas que temos desenvolvido ata agora.

Que critica e que salva do último mandato?
Houbo un afán destrutivo do PP no que FeC se amedrentou e no que o BNG intentou levar adiante algúns do proxectos nos que tivemos posibilidade de intervir. Creo que é hora de que demos un paso máis e afundemos en todas estas decisións. Hai algunhas das decisións que se tomaron ao inicio do mandato que foron positivas pero o problema está en que moitas delas non é que se paralizaran, senón que se revertiron.

Na súa lista vai unha ampla maioría de representantes veciñais, considera que a voz dos ferroláns ten o suficiente peso na cidade?
Creo que BNG intentou darlles a maior presenza pública e representatividade na institución municipal. Tamén é significativo que persoas de movementos sociais e colectivos de todo tipo decidan dar o paso e dar a cara para defender un proxecto político. Ademáis habería que engadirlle o feito de que haxa un manifesto de veciños e veciñas que están a avalar o noso proxecto.

Comentarios