Miércoles 12.12.2018
Xosé maría dobarro

A IV Asemblea nacionalista 5 (LXIX)

Finalizaba a entrega anterior subliñando como fora amplamente derrotada -só obtivera dous votos- a proposta do Conselleiro 1º da Irmandade da Coruña acerca de que o regulamento da Irmandade da Coruña servise de base para a elaboración do novo, que debía ser único para todas as entidades nacionalistas.

Vicente Risco
Vicente Risco

Finalizaba a entrega anterior subliñando como fora amplamente derrotada -só obtivera dous votos- a proposta do Conselleiro 1º da Irmandade da Coruña acerca de que o regulamento da Irmandade da Coruña servise de base para a elaboración do novo, que debía ser único para todas as entidades nacionalistas.
Cumpría, pois, a elaboración dun novo regulamento e con esa finalidade puxéronse a discusión as propostas que traían os delegados de Ferrol e de Ourense. A Irmandade de Ferrol propuña: “Que as orgaizacios persentes e futuras, nazonalistas, constituian un soio orgaismo que se nomeara Irmandade Nazonalista Galega, considerandose as ditas orgaizacios coma Delegacios da mesma”. Someteuse a votación e aprobouse por unanimidade, “na intelixencia de que as delegacios conservaran a sua persoalidade xuridica e a autonomia pro seu rexime interno”
Cumpría, pois, a elaboración dun regulamento e con esa finalidade puxéronse a discusión as propostas que traían os delegados de Ferrol e de Ourense. A Irmandade de Ferrol propuña “Que as orgaizacios persentes e futuras, nazonalistas, constituian un soio orgaismo que se nomeara Irmandade Nazonalista Galega, considerandose as ditas orgaizacios coma Delegacios da mesma”. Someteuse a votación e aprobouse por unanimidade, “na intelixencia de que as delegacios conservaran a sua persoalidade xuridica e a autonomia pro seu rexime interno”
Aprobado ese punto comezou a discusión sobre os fins que había ter a Irmandade Nazonalista. A mesa sintentizou as opinións nesta proposición que foi aprobada por unanimidade: “O fin da Irmandade Nazonalista Galega será a formanza de concenza nazonal galega e porcurar realizar os fis indicados nas asambreias celebradas e que se celebren”.


A continuación discutiuse a organización da dirección suprema da organización. Tomáronse, por unanimidade, os acordos de que a autoridade suprema estivese vinculada nas asembleas que se celebrasen; que entre asembleas a autoridade delas quedaría delegada no conselleiro supremo que se elixise en cada unha delas -podería ser reelixido- e que sería responsable perante as mesmas; que o conselleiro supremo podería nomear conselleiros auxiliares, sendo sempre responsabilidade do conselleiro supremo as actuacións destes; que se celebraría cada ano unha asemblea ordinaria, puidendo celebrarse asembleas extraordinarias ben por decisión do conselleiro supremo, ben por petición da maioría das delegacións.
Ás nove da noite o presidente levantou a sesión para continuala ás dez. Mais non on sería a esa hora prevista senón ás once cando comezou a segunda sesión.
Nesta sesión acordouse que as asembleas se comporían dos persoeiros das Delegacións e que cada unha delas podería enviar ata tres membros con voz e voto, mais en calquera caso, independentemente dese número, todas terían tres votos. Os persoeiros serían elixidos na xuntanza xeral dos socios de cada Delegación en posesión do “carnet d’identidade de nazonalistas”. Acordouse, tamén, que os asuntos a tratar nas asembleas se fixarían nun cuestionario que circularía con cada convocatoria. Só se poderían discutir asuntos non recollidos nel que aprobase a asemblea a proposta, por escrito e asinada, de tres persoeiros.
Outro tema aprobado foi o de deixar ao arbitrio das Delegacións a admisión de socios, que non terían nin voz nin voto nin poderían ocupar cargos directivos antes do ano de afiliación. Unha vez transcorrido ese tempo o goberno da Delegación proporá á xunta xeral a habilitación do socio para ter voz e voto e para desempeñar cargos. Se a xunta así o fixese os socios, por medio da súa Delegación, poderían solicitar ao conselleiro supremo o seu carné de identidade, documento preciso para ter voto na elección de persoeiros para as asembleas e para ser persoeiro das mesmas e das Delegacións. Os que xa eran socios tamén podían pedir os seus carnés ao conselleiro supremo polo mesmo conduto. Os carnés deberían ser visados cada ano. O prezo do carné era de 5 ptas, o mesmo que o do visado.
Outro dos acordos referíase a que nin gún irmán nin Delegación podería realizar acordos tomados, tería relacións oficiais con ninguén nin emprendería calquea traballo sen o permiso expreso e escrito do conselleiro supuremo. As relacións oficiais entre Delegacións e outros irmáns habería que facelas sempre por intermedio do conselleiro supremo. Só nos casos de urxencia se poderían realizarse acordos, mais coa obriga de dar despois conta ao conselleiro supremo.


Tamén se acordou que antes de que acabase o mes o Conselleiro supremo enviaría copia da acta a todas as Delegacións e irmáns isolados para que enviasen a súa conformidade a todos e cada un dos acordos tomados na Asemblea no prazo máximo de quince días. De non ser así habería que entender que se deixaba de pertencer á Irmandade Nazonalista Galega. Tratouse despois dos medios económicos que habería ter o conselleiro supremo e acordouse que se destinarían a tal fin os ingresos por carnés e as subscricións voluntarias. A Irmandade ferrolá propuxo que todas as Delegacións contribuísen mensualmente co dez por cento dos seus ingresos, cantidade que se xiraría na primeira decena de cada mes. As Delegacións que presentasen un descuberto de dous meses non terían nin voz nin voto nas asembleas. Despois de discutilo acordouse deixar este asunto para a derradeira sesión e, polo avanzado da hora, levantouse a sesión.
A terceira sesión iniciouse ás once e media da mañá do domingo día 19 coa discusión das propostas da Irmandade de Ferrol a respecto da orientación política do nacionalismo. Despois de que se rechazase a proposta de Francisco Balboa de que non se discutise ese problema, como o tema era importante, o presidente pediu a opinión de todos os asembleístas. Resultou que uns se declararon partidarios do apoliticismo absoluto; outros do apoliticismo electoral e outros da intervención política en todas as súas manifestacións. Con iso deuse por rematada a sesión da mañá.
Ás catro da tarde do luns 20 -pola mañá non houbera- comezou a cuarta sesión, que continuou coa exposición de opinións sobre o problema político. Púxose a discusión a ponencia ferrolá, partidaria do apoliticismo, e deuse lectura a unhas propostas da Irmandade da Coruña nas que se pedía a intervención política do nacionalismo. Despois dunha ampla discusión tomouse o acordo de declarar que a Irmandade Nazonalista non tomaría parte activa en eleccións presentando candidatos e sen acordo da Asemblea. Acto seguido suspendeuse a sesión durante dez minutos e reanudouse coa presentación de dúas propostas de carácter urxente asinadas por varios asambleístas. Unha referíase á elección de conselleiro supremo e a outra á fixación do lugar de celebración da 5ª Asemblea. A proposta de Antón Lousada acordouse por unanimidade que fose Risco o conselleiro supremo e que a seguinte Asemblea se celebrase na Coruña.


A proposta d’as Irmandades de Ferrol e d’Ourense aprobouse a proposición seguinte: “Que ningún irmán poderá tomar parte nas eleuciós nin coma candidato nin axudando a candidatos nin candidatura algunha sen autorización do Xefe ou da Asambreia”.
Sobre o asunto da participación política aprobáronse outras dúas proposicións. Unha por proposta de Castelao, Lousada Diéguez e Blanco Torres: “Todo nazonalista estará na obriga de votar sempre a un nazonalista e no caso d’unhas eluciós xeneraes na que non interviñamos direutamente os votos en todo-os distritos serán pr’o Xefe”. A outra, aprobada por un dó voto de diferencia, foi esta da Irmandade da Coruña: “A Irmandade Nazonalista poderá soster intelixencias oficiaes co-as orgaizaciós polítecas de Galiza pra resolución daqueles probremas e propaganda d’aquelas ideias en que coincidan”

Comentarios