“O Noso Tempo” é o primeiro disco do ponteareán Hugo Guezeta, un dos maiores representantes do rap en galego, que virá presentar a Ferrol esta mesma noite, a partir das 22.00 horas, no centro social Artábria. Este traballo, producido por outro nome destacado na escena, Peter Petrowski, distínguese por presentar unha morea de contrastes nas bases, nos estilos e nas temáticas.
En conxunto, o traballo pega un berro a toda unha xeración en estado de letargo, á que anima a “espertar” despois de varios anos “durmida”. Trátase dun proxecto pendente de materializarse dende fai moito tempo, polo que para o rapeiro tamén foi unha forma de liberación a nivel persoal.
Despois de publicar o sinxelo homónimo, así como “Feridas”, “De Volta”, “Cantare”, “A Toleira”, “Espertar” e “Arder”, sae este disco composto por catorce temas individuais e cinco colaboracións. SondaRúa, o seu antigo grupo, destaca entre as participacións externas amais doutros artistas como Dakidarría, o propio Peter Petrowski e Nadie González, que con Hugo Guezeta, é unha das tres finalistas aos Martín Códax de Músicas Urbanas.
A colaboración desta formación xa disolta, da que o artista formou parte, no tema “Dispara” trata de reivindicar que a pesar da fin do proxecto, a relación de amizade continúa entre os membros. Ademais, a participación de ThatBass, o DJ de SonDaRúa, non se limitou a esta canción, polo que os seus schatches poden escoitarse en tres temas deste primeiro disco ao completo.