Helga Méndez: “O teatro é terapéutico porque abre a mente e o corazón”

Helga Méndez: “O teatro é terapéutico porque abre a mente e o corazón”
Helga Méndez é directora do Programa de Teatro Veciñal do Concello e fundadora da compañía Maquinarias Teatro | aec

A actriz, directora e profesora de teatro Helga Méndez imparte dende o mes de outubro varios obradoiros de microteatro no Ateneo Ferrolán e na Asociación Veciñal de Limodre, así como o curso “Corpos Contados”, a través do Campus de Ferrol da Universidade da Coruña. O prazo de inscrición remata mañá e pódese realizar por correo electrónico ou por teléfono, salvo no taller da UDC que se fai por vía web. Os participantes non precisan ningún tipo de experiencia previa.


No caso das clases do Ateneo Ferrolán, hai tres opcións diferentes a escoller, “Microteatro para curiosas”, que se impartirá os mércores de 17.00 horas a 18.45; “Microteatro por que si”, o mismo día da semana de 19.00 a 20.45; e “Microteatro con obxectos”, os xoves de 17.00 a 18.45 horas. Os dous primeiros obradoiros comezarán o día 5 de outubro e o último o día 6 do mesmo mes.


O “Microteatro para curiosas” céntrase na lectura, escritura creativa e xogos teatrais arredor de biografías de mulleres e aspectos autobiográficos para tratar de descubrir e construir a identidade social e cultural feminina. No obradoiro ensinaranse técnicas de interpretación e construción de personaxe, a través do ensaio de pezas creadas polas alumnas.


Ademais, a mestra especificou que a pesar de redactar a proposta utilizando o xénero feminino, dado o contido do obradoiro, este non se pretende limitar á participación de mulleres, senón que está aberto a calquera persoa.


Por outro lado, no “Microteatro por que si” instruirase acerca das técnicas de interpretación e construción de personaxe, esta vez a través do ensaio de pezas breves de distintos xéneros. Este obradoiro foi o primeiro dos organizados no Ateneo en cubrir o número mínimo de alumnos, polo que tamén é un dos que se impartirá indubidablemente.


En contraste, o “Microteatro con obxectos” concéntrase nas técnicas de creación de pezas de microteatro a partir de xogos con obxectos, ademais da elaboración dos materiais e personaxes para a posta en escena cos elementos físicos e a súa manipulación.


A artista ferrolá definiu o microteatro como pezas moi breves, entre cinco e 15 minutos; con poucos personaxes, máximo 3; normalmente pensado para espacios reducidos e público tamén pequeno, que pode ter calquera xénero teatral. “É un teatro para ver de cerca, por decilo dalgunha maneira”, resumiu a mestra. Ademais, os recursos técnicos que se precisan tamén son mínimos, e moitas veces úsase soamente o que se ten a man.


O motivo da elección deste formato foi tentar relanzar a actividade teatral no Ateneo, unha entidade que leva moitísimos anos apoiando o teatro local e galego, e que neste momento non conta cun grupo. Da mesma maneira, “ao ser pezas tan breves é máis dinámico”, explicou a profesora. A idea é realizar unha mostra trimestral, que é a duración prevista dos obradoiros de microteatro, de forma que a xente vexa preto os resultados e poida decidir animarse a participar outro trimestre máis ou non. Así mesmo, a intención é establecer un ciclo estable de microteatro no propio Ateneo Ferrolá, para tamén achegar á xente a este punto de encontro.


“O teatro é terapéutico porque axuda a socializar, a coñecer xente e porque abre a mente e o corazón, xa que normalmente nos grupos que levan un tempo xéranse case pequenas familias”, explicou Helga Méndez. A directora tamén indicou que a actividade axuda a traballar na colectividade, favorece a empatía ao introducirse na pel doutro individuo, participa na comprensión da diversidade dos seres humanos e colabora no tratamento de temas que son de interese para o grupo. Por suposto, estes beneficios van á marxe do tempo de lecer que achega, no que se inclúe o xogo, algo moi enriquecedor e divertido.

 

 

AVV de Limodre


O obradoiro organizado na AVV de Limodre é o “Microteatro por que si”, cuxa data posible de inicio é o día 5 de outubro, polo que se deixa a porta aberta á modificación dos prazos. Neste caso, o alumnado, que deberá constar mínimo de 6 persoas, poderá escoller entre dúas opcións.


A primeira alternativa é realizar ensaios e unha mostra final trimestral de textos teatrais breves de calquera xénero que xa estean escritos. A segunda elección posible é a creación, ensaios e actuación ao rematar o trimestre dos textos breves creados polo alumnado a partir da memoria individual e colectiva arredor da parroquia ou de Fene.


A inscrición en calquera dos obradoiros de microteatro pódese realizar enviando un correo electrónico á seguinte dirección, maquinariasteatro@gmail.com, ou contactando co número de teléfono 665 024 469. O prezo dos cursos do Ateneo é de 25 euros ao mes para socios e 30 para os que non o son. As clases de Limodre supoñen unha cota mensual de 20 euros para afiliados e 25 para o resto de persoas.


“Corpos Contados”


O Obradoiro de Teatro que imparte Helga Méndez a través da Universidade da Coruña, denominado “Corpos Contados”, realizará aulas prácticas para a xeración de contidos con perspectiva de xénero a partir da investigación das posibilidades dramatúrxicas co propio corpo, e deste con relación aos dos outros.


Neste curso, o obxectivo é iniciar ao alumnado nos procesos de creación individual e colectiva, como son a elección do tema; a fase de investigación e organización de contidos; a de improvisacións e a de proposta estética. Na práctica, crearanse dramaturxias breves con xogos e exercios.


As clases terán lugar no Centro Cultural Universitario do Campus ferrolán. Os alumnos da UDC poden matricularse por un prezo de 40 euros, os desempregados ou persoas con discapacidade por 45, o resto da comunidade universitaria que non son estudantes por 60 e o público xeral por 80.


O horario de realización será os luns de 19.00 horas a 21.30, abarcando o período desde o vindeiro luns até o 19 de decembro. Na páxina de Facebook de Maquinarias Teatro hai publicado un enlace con toda a información e o acceso que permite anotarse. 

Helga Méndez: “O teatro é terapéutico porque abre a mente e o corazón”

Te puede interesar