Héctor Quintián: “Estamos nunha fase de industrialización conectada na que a IA xoga un papel clave”

A Xornada de Prácticas en Empresa do máster en Informática Industrial e Robótica celébrase este xoves
Héctor Quintián: “Estamos nunha fase de industrialización conectada na que a IA xoga un papel clave”
Quintián, onte no CEMI de Batallóns I D. Alexandre

Vinte e dous alumnos da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e once empresas protagonizan mañá xoves a primeira edición da Xornada de Prácticas en Empresa, unha iniciativa que se desenvolve no marco do máster en Informática Industrial e Robótica que se imparte no Campus de Ferrol desde o curso 2020/2021. 


Héctor Quintián, coordinador do máster, explica que nesta titulación hai unha materia obrigatoria para os seus 30 alumnos que son prácticas en empresas e que ten unha duración de dúas semanas. “O obxectivo”, explica, “é achegalos ás empresas a través dunha primeira toma de contacto na que, pola súa banda, as empresas vexan tamén os coñecementos que adquiren os alumnos, que son moi relevantes para o que están a implementar elas, que é a parte da industria conectada, chamada tamén 4.0”.


Desde a dirección do máster constátase, pois, que hai moitas firmas da contorna “que están facendo un esforzo nesa fase de industrialización, de aplicación de robótica e Intelixencia Artificial”, polo que a decisión de desenvolver este “encontro” pretende facilitar que o alumnado atope unha empresa e que a empresa coñeza o alumnado dun máster que en moitas ocasións non sabían da súa existencia, posto que é de recente creación. “É un win-win para ambos”, sinala Quintián, “tanto para que os alumnos poidan ir facer prácticas como para que as empresas poidan coñecer os alumnos”.


Esas xuntanzas entre alumnado e empresa é habitual en moitos centros e titulacións, pero a diferenza que achega esta xornada, apunta o seu coordinador, “é que se ben na maioría se fai vir á empresa para facer unha presentación para un público máis xeral, aquí é un público moi especializado, é dicir, só alumnos de mestrado máis outros seis do grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática que o van comezar o curso que vén”. Ademais, as empresas reciben os currículos dos participantes para que ao longo da xornada poida concertar entrevistas, nunha especie, comenta Quintián, “de proceso selectivo” no que as firmas están moi interesadas porque “teñen esa necesidade de demanda de persoal”. 


A idea de cara ao ano que vén é que esta xornada, que mañá se vai desenvolver na sala de conferencias do Edificio de Batallóns, poida celebrarse antes, a comezos de febreiro, para que dese xeito “o contacto coas empresas teña unha continuidade” moi necesaria porque “hai unha demanda de especialización moi alta”. 
 

Nesa liña, Quintián subliña que “agora mesmo as empresas están todas nesa fase de industrialización conectada na que a Intelixencia Artificial xoga un papel fundamental para a análise de datos”. “Non se trata só”, engade, “de controlar os procesos, senón tamén de extraer información deles, e nesa información hai unha parte moi importante de analítica de datos que se fai con IA, aparte de todo o proceso de robotización que se está a facer en moitas empresas”. Unha tendencia que, remata, reafirma a importancia da transferencia entre a Universidade da Coruña co tecido empresarial e industrial da zona. 

 

Once empresas participantes

O director da EPEF, Vicente Díaz, e o coordinador do máster, Héctor Quintián, serán os encargados de inaugurar a xornada ás 9.30 horas de mañá xoves no edificio de Batallóns. 


Nela, ademais dos vinte e dous alumnos e alumnas participantes estarán, pola parte empresarial, Filipe Teixeira, do estudio de automatización e robótica BAUP; Juan José Medina Albero, de Soft Automation; Marcos Taboada, de Septentrio Technologies; María Teresa Galdo, por parte de Navantia; David Pérez-Piñar e Yago López, de Avincis; Óscar Vázquez, de Diexfe; Ricardo Vázquez, de Emalcsa; Ángel Fraga, de NTT Data; María de los Ángeles Musacchia e José Gato, de Technip Energies; Montserrat Tuimil, de Narontec; e Noelia Pérez, José Ramón González e Begoña Llaca, de Russula. 

Héctor Quintián: “Estamos nunha fase de industrialización conectada na que a IA xoga un papel clave”

Te puede interesar