Julio Abalde: “Gustaríame que o edificio de Serantes tivera un uso útil para a cidadanía”

Julio Abalde: “Gustaríame que o edificio de Serantes tivera un uso útil para a cidadanía”
O reitor da UDC, Julio Abalde, no centro, abordou a situación do Campus | e.c.

As “Conversas no Parador” impulsadas polo Club de Prensa de Ferrol cederon onte o protagonismo ao Campus de Ferrol a través do convite ao máximo responsable da Universidade da Coruña, o reitor Julio Abalde. O encontro deu para falar dos obxectivos fixados para este espazo polo seu equipo de goberno hai xa case sete anos, os que leva á fronte da institución; para analizar a situación actual, marcada, entre outros moitos asuntos, pola integración das dúas escolas politécnicas en Esteiro; ou para avanzar algún que outro detalle dos proxectos que seguirán a configurar o devir dun campus chamado a ser referente no eido tecnolóxico e industrial a nivel estatal.


Neste aspecto, na estreita colaboración acadada co paso do tempo entre o ámbito académico e o tecido empresarial da cidade e contorna, incidía ao comezo da súa intervención Abalde, que apuntou a Navantia e á Armada, ademais do Concello de Ferrol, como socios inestimábeis e necesarios para acadar os obxectivos fixados para o Campus de Ferrol. Un dos máis relevantes, o da especialización como Campus Industrial, víase refrendado o pasado ano coa súa acreditación como o primeiro campus de España especializado na industria naval. Xunto a esta cuestión, e ante as preguntas dos asistentes, Abalde fixo alusión no decurso da súa intervención a outros temas relacionados co espazo universitario da cidade naval.

 

 

1 Centro Mixto do Naval entre a UDC e Navantia


O exitoso e frutífero traballo desenvolvido nos seis últimos anos no marco da Unidade Mixta de Investigación (UMI) entre a UDC e Navantia, da que saíron innovadoras propostas que se van implementar nos proxectos das fragatas F-110, terá continuidade coa creación do novo Centro Mixto do Naval entre a universidade e a compañía pública, cuxa firma de constitución está prevista para finais de novembro. “Fará fundamentalmente todo o desenvolvemento vinculado ao estaleiro 4.0, do futuro, e tamén na liña de investigación vinculada á eólica mariña”, salintou Abalde. Nel traballarán conxuntamente enxeñeiros de Navantia e investigadores da UDC, converténdose nun “auténtico laboratorio” de innovación e desenvolvemento ao servizo do proxecto de construción das novas fragatas.

 

 

2 Remate das obras da residencia de Batallóns


A sede do Centro Mixto do Naval ocupará un dos espazos da antiga residencia de Batallóns que a Armada cedeu á UDC para usos universitarios e que na actualidade está sendo sometida ás obras de reforma e acondicionamento. A data de entrega por parte da empresa que acomete os traballos está fixada para o 28 de decembro, o que permitiría, de cumprirse este prazos, dispór das novas instalacións a comezos do próximo ano. O edificio albergará tamén despachos para profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), resultado da integración das dúas antigas escolas, a Superior de Esteiro e a Universitaria de Serantes.

 

 

3 En busca da mellor alternativa para Serantes


A escola de Serantes é, precisamente, outro dos temas de actualidade do Campus de Ferrol, ao quedar este curso definitivamente sen docencia tralo traslado do alumnado e profesorado a Esteiro. Polo de agora, só quedan alí dous laboratorios que tamén mudarán de lugar. Desde a UDC, propietaria do edificio, “estamos buscando distintas alternativas para ese edificio; trátase de buscar a mellor e que sirva tamén para dar servicios á zona da cidade na que se ubica”, comentou onte o reitor, que descartou calquera uso universitario para estas instalacións. “A min o que me gustaría é que ese edificio tivera un uso que fora útil para a cidadanía”, engadiu.

 

 

4 Residencia universitaria no Sánchez Aguilera


O que tamén resultaría moi útil, neste caso para a comunidade universitaria de Ferrol, sería dispór do espazo que o convenio do Concello con Defensa contempla para usos universitarios no cuartel Sánchez Aguilera, un proxecto que ambas partes agardan poder facer realidade unha vez sexa aprobado a proposta para a reparcelación do espazo. “No proxecto hai un espazo contemplado para unha residencia e nós teriamos que buscar o financiamento para a súa construción”, explicou Abalde. Prevé tamén espazos deportivos e zonas verdes. A residencia universitaria pública existente na actualidade na cidade, ubicada na rúa Sánchez Barcáiztegui, cubriu este curso todas as súas prazas e houbo listas de agarda.

 

 

5 Intención de comezar en 2023 as obras do CI3


Outro dos proxectos de grande envergadura para o Campus de Ferrol será a construción do novo edificio de investigación que a Universidade da Coruña ten previsto levantar na parcela de Esteiro adquirida ao Ministerio de Defensa. Trátase do Centro de Investigación de Industria Intelixente (CI3) e os plans do goberno de Abalde pasan por poder iniciar o vindeiro ano as obras para a súa creación. “Xa temos buscada a vía para a seu financiamento e as obras tería un prazo de dous anos de execución, aproximadamente”, apuntou.

 

 

6 Solucións ao transporte entre Ferrol e A Coruña


Aínda que non é un tema da competencia da institución académica, Julio Abalde recoñeceu qué é preciso solucionar o transporte entre Ferrol e A Coruña, cidades entre as que se desprazan diariamente moitos estudantes matriculados na UDC. Ademais dos  problemas das frecuencias dos buses, o reitor aludiu tamén ao deficiente servizo ferroviario. “A solución pasa indudablemente por un servizo de ferrocarril; é inconcebible que para un profesor ou alumno da Coruña sexa doado desprazarse a Santiago e non suceda o mesmo en Ferrol, é inconcebible”, dixo.


Na súa intervención en “Conversas no Parador”, no que salientou a aposta da UDC “por contribuír a que Ferrol e a súa comarca sexan competitivas e capaces de atraer talento e emprego”, Abalde estivo acompañado polo director dos estaleiros Navantia Ría de Ferrol, Eduardo Dobarro; o director do Parador, José Antonio Cedena; o integrante do Club de Prensa, Xoán Rubia; o alcalde de Ferrol, Ángel Mato; a vicerreitora do Campus, María Jesús Movilla; e o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe. 

Julio Abalde: “Gustaríame que o edificio de Serantes tivera un uso útil para a cidadanía”

Te puede interesar