Miércoles 12.12.2018

Francisco Cortegoso obtén o Premio Pérez Parallé

O pontevedrés Francisco Cortegoso, de 28 anos, gañou a XXVI edición do Premio de Poesía Pérez Parallé, que outorgan o Círculo Unidade de Fene e o Concello da localidade a autores inéditos

Francisco Cortegoso
Francisco Cortegoso

O pontevedrés Francisco Cortegoso, de 28 anos, gañou a XXVI edición do Premio de Poesía Pérez Parallé, que outorgan o Círculo Unidade de Fene e o Concello da localidade a autores inéditos como poetas en lingua galega, co poemario titulado “Memorial & danza”. O xurado, formado por Ramón Blanco, Olalla Cociña e Marisol Gándara (gañadora do ano pasado), valorou “a descuberta dunha voz singular, cun contido alento reflexivo despregado nunha sintaxe pouco convencional e un ritmo coidado”. Ademais, subliñan as súas “luminosas imaxes cun forte enraizamento no fluír temporal da natureza”.
A entrega do premio (600 euros e a publicación pola editorial Espiral Maior) está prevista para este sábado, ás oito da tarde, nas instalacións do Círculo Unidade de Fene. O autor, que está na India, non poderá asistir, e recollerá o galardón no seu nome o poeta e amigo Gonzalo Ermo. O acto comezará ás oito da tarde actuarán Francisco Pérez Porto e de Carmen Romero e, como peche, a rondalla Estrelecer.
Pero xa para preparar o ambiente, o venres, ás oito, poderase gozar co teatro, xa que o grupo Xosemaría Pérez Parallé, dirixido por Carlos Basoa, estreará a obra “Que facemos coa herdanza?”.

Comentarios