Fontán en Neda

Fontán en Neda
Rafael e José González-Robatto, con Vicente Araguas

Se cadra o noso diario foi o que estivo máis atento ao choio enviando un fotógrafo, o gran Jorge Meis, para cubrir o acto do 9 de novembro, na Casa da Cultura do Concello de Neda.
 Non outro que o da entrega oficial a Neda, logo da restauración por parte da súa representación municipal, dun exemplar orixinal da “Carta geométrica de Galicia”, máis coñecida como o “Mapa Fontán”, editado en París, en 1845, logo de moitos avatares coidando nas dificultades, económicas e de impresión, que o proxecto ciclópeo, dun ilustrado tan sobranceiro como Domingo Fontán, presentaba. E de Domingo Fontán, e do seu traballo, falounos polo miúdo un dos seus grandes coñecedores, o profesor lugués, Víctor Pollán. 
E falou Víctor con verbo didáctico e amenísimo (isto ten que ser, debera, un pleonasmo). Falounos aos “happy few”, á “band of brothers”, que diría William Shakespeare, que estabamos o serán do 9 de novembro, venres, na Casa da Cultura, de Neda. Certo que a noite non acompañaba, chovía a cachón, como proba a foto de Jorge Meis (dígoo polas prendas de abrigo dos que estamos diante do mapa), mais -debo insistir- o acto non tivo o espallamento debido. Cousas que acontecen e, se cadra, non deberan. 
Porque resulta que agora Neda, o seu concello, forma parte da dúcia de lugares galegos onde contemplar “in situ” este tesouro. Que eu saiba na provincia da Coruña o “Fontán” pódese ver no Consello da Cultura Galega, na Univesidade de Santiago, na RAG, no Pazo de Mariñán e –lástima fora– en Neda. E agora debo dicir que se ben eu fun o doante directo da “Carta geométrica de Galicia”, ao lugar onde nacín e do que son fillo predilecto, esa marabilla chegou a mín da man de Rafael González- Robatto, anticuario con establecemento ata non hai moito na Rúa Madalena. 
Rafael, máis coñecido como Pancho, é do meu tribo, familiar e nedense. Porque os dous vimos de Manuel González “O Caldeireiro” e María Piñeiro. Bisavós seus, tataravós, meus. “O Caldeireiro” fixera esa liña de casas, do Portazgo de Xuvia, que van desa onde nacín (propiedade da miña nai, hoxe) á dos Foira. O meu espazo mítico, pois. Pancho (e José González-Robatto, tamén presente o día 9 de novembro en Neda) son algúns dos fillos dun personaxe irrepetible. Un dos cumios máis altos da miña familia, don José González Robatto. 
Propietario do “Fontán”, descoñezo como tería chegado a el, que hoxe está en Neda. Pepe Robatto, como así era coñecido, foi un home poliédrico, dono de múltiples saberes; economía, literatura, historia, astronomía, e coleccionista de moitas cousas relativas a Galicia. Pepe Robatto, entrevistado por Carlos Polo, “O Padre Polo”, no seu impagable “Galicia en sus hombres de hoy”, era un home como fuxido do Século XVIII, e viña por parte de nai daqueles italianos que chegaron onde nós aprendernos salgar o peixe. 
A nai de Pepe, aquela dona a quen nós chamabamos a Tiña Paulina, procedía de Mugardos (onde nacera o propio Pepe, como confesa a Carlos Polo, por máis que fora inscrito a Ferrol). Pepe González Robatto (así, sen o guión que adoptarían seus fillos) era un home liberal, dunha liña galeguista, diría eu, non nacionalista, desde logo, que lle viña dos seus días naquela universidade oposta á dictadura de Primo de Rivera, e sobre estes e outros choios tiven ocasión de parolar con el nos anos seus serodios, cando aínda mantiña aquela claridade mental e física (que tanto admiraban a meu pai, seareiro entregado do seu parente). 
Sen o cal esta “Carta geométrica de Galicia”, moi probablemente non estaría na Casa de Cultura de Neda. E estou convencido de que Pepe non ficaría descontento do destino derradeiro dun exemplar non único mais de pouco doado achádego (o último que apareceu en subhasta tivo un prezo de saída, e hai alguns anos disto, de catorce mil euros: ignoro a canto o pagou, mais non sería unha miudeza, quen o levou para casa). 
O de Neda, en fin, veu a min no verán de 2015, logo dun acto na librería Galiano no que cadrei con Pancho González-Robatto Daquela a concelleira de Cultura, en Neda, era Helena Pardo, que veu con Manolo Pérez Grueiro (sempre na “firing line”) e comigo mesmo a “El Galeón” facernos cargo da tesouro. Restaurado por Jorge Juan Medín Guyatt, ocupándose agora dos asuntos culturais de Neda Cristina Bouza, e sendo o alcalde, Ángel Alvariño. 
E teño que citar, ineludiblemente, á dinamizadora cultural do Concello de Neda, Copi Villaamil, tan atenta sempre á xogada, e ao concelleiro de Deporte, Antonio Seijo, “Toniño Deportivo”, non soamente pola súa presencia na Casa da Cultura, aquela noite chuviñenta de novembro, porque sendo do mesmo tribo, xeográfica, nacemos o mesmo ano, xusto cando o seculo pasado pasaba a páxina xusto pola metade do libro. 
De maneira que saiba quen o desexe que a “Carta geométrica de Galicia”, de Domingo Fontán, en versión orixinal, está en moi boas mans. E visible para quen a desexe visitar na Casa da Cultura nedense. Engadindo, por certo, como ben indicara Ángel Alvariño, un atractivo extra para o “Camiño Inglés”. Ide pois visitar este traballo, vinte anos para o seu autor, toda unha vida futura para a súa obra. De Neda.

Fontán en Neda

Te puede interesar