A “fonda” pegada ferrolá na colección artística do Parlamento de Galicia

A “fonda” pegada ferrolá na colección artística do Parlamento de Galicia
A exposición “A nosa arte” foi inaugurada onte na sede ferrolá de Afundación, onde permanecerá ata 20 de maio | e. cortizas

“As institucións estáticas, inmóbiles e pechadas son cousa do pasado. Peor nos irá canto máis tardemos en decatarnos e actuar en consecuencia”. Nesta filosofía enmarcou o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, a organización da exposición itinerante “A Nosa Arte” que desde onte e ata o vindeiro 20 de maio pode ser visitada na sede ferrolá de Afundación.


Será unha boa oportunidade, tamén, como dixo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, de descubrir a “fonda pegada” de Ferrol na valiosa colección artística da devandita institución galega, que atesoura 300 obras. Traballos de artistas locais como Siro López, Ricardo Segura ou Camilo Díaz Baliño inclúense na selección de 37 pezas que dan forma á mostra inaugurada onte e que constitúe, engadiu Rodríguez, “unha retrospectiva que nos axudará a afondar máis na pegada artística e histórica que Ferrol posúe no eixo da cultura galega e que reflicte perfectamente a creatividade que experimentou a arte galega nas últimas décadas”, afirmou.


“A nosa arte”, impulsada polo Parlamento, Xunta e Afundación, achega á pobación o legado acubillado pola Cámara autonómica e rende homenaxe a “todos eses artistas que contribuíron a construír Galicia”, engadiu o conselleiro. Para o director xerente de Afundación, Pedro Otero, eríxese nunha iniciativa fundamental para afianzar o coñecemento “do esforzo e implicación de tantos e tantas artistas de Galicia por contribuír ao enriquecemento do noso patrimonio cultural”.


Tamén estivo presente no acto celebrado onte pola tarde, entre outras persoas, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes –entidade colaboradora–, Manuel Quintana, que se referiu á mostra como “unha dignísima exposición dunha colección pública que dá exemplo de país, que promove unha gran riqueza cultural e serve de plataforma para que moitos dos nosos creadores teñan un lugar onde a súa obra é visitada e contemplada: no Parlamento de Galicia, a casa do pobo”, dixo. A mostra que onte desembarcou en Ferrol está comisariada por María Victoria Carballo-Calero, Carlos Valle e Felipe Senén.


O coñecido cartel que Díaz Baliño deseñou en 1936 para a campaña do Estatuto de Autonomía de Galicia, a obra “Eros V” (1985) de Siro López ou o óleo “Muller galega” (1981) de Segura Torrella conviven así na mostra con obras doutros recoñecidos creadores galegos como Luis Seoane, Francisco Lloréns, Urbano Lugrís, Jaime Quesada ou Laxeiro, entre outros. 

A “fonda” pegada ferrolá na colección artística do Parlamento de Galicia

Te puede interesar