A figura de Carvalho Calero vertebrará as actividades para 2020 da Coordenadora de Equipas de Ferrolterra

A figura de Carvalho Calero vertebrará as actividades para 2020 da Coordenadora de Equipas de Ferrolterra
junta directiva de la Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra foto individual del presidente Xil López

“Petou na porta, dixen ‘adiante’ e entrou...”. Con esta frase do libro “Scórpio”, de Ricardo Carvalho Calero, terán que comezar os seus microrrelatos todos aqueles escolares que este ano queiran participar no certame literario Carmela Loureiro. Non se trata dunha escolla ao chou. Tampouco será a única das actividades promovidas pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra que este ano fagan alusión ao escritor e filólogo ferrolán.

A homenaxe da que o ensaísta e profesor será obxecto nas Letras Galegas de 2020 motivará a celebración de múltiples e variadas propostas na comunidade galega en xeral e na cidade naval en particular.

Aquí, a asociación cultural que aglutina a equipos de dinamización lingüística de centros educativos e a socios a nivel particular comprometidos coa lingua e a cultura do país, desenvolverá un intenso programa vertebrado sobre a figura do homenaxeado.

“Todas as actividades que temos pensadas para este ano teñen como punto de mira a Carvalho Calero; el será o eixo central da programación”, comenta Xil López.

Equipo

O profesor de Música no colexio Ludy de Ferrol vén de ser elixido como o novo presidente da Coordenadora. Xunto a el, Pilar Patiño, Adrián Acción, Santiago Varela, Xosé Manuel Pazo e Manuel Rei forman parte dunha directiva que dará continuidade ao traballo dun colectivo que ao longo das últimas tres décadas conseguiu poñer en marcha e consolidar espazos para o fomento do emprego do galego entre a mocidade en contextos que lles poidan resultar máis atractivos, como os que teñen que ver coa música, a poesía, a creación plástica ou o teatro.

O profesor Xil López vén de ser elixido presidente do colectivo que segue a traballar a prol do galego entre a mocidade

“Cada vez hai maior participación por parte dos centros, van medrando as actividades...”, salienta, polo que é moi optimista con respecto ao futuro dunha asociación na que seguen a estar moi presentes docentes implicados desde as súa orixes ao tempo que está a entrar tamén xente nova, o que para Xil constitúe un moi bo sinal.

Ao igual que o certame Carmela Loureiro, que como na meirande parte das actividades que organizan conta co apoio do Concello de Ferrol, tamén o concurso de Poesía e Imaxe “En galego, sen filtro” estará vinculado a Carvalho Calero.

Neste caso, os poemas que se lles propoñen aos escolares como motivo de inspiración para os seus traballos plásticos serán versos extraídos dos países da lusofonía.

Música

Outra das actividades xa tradicionais da Coordenadora, o festival A Mocidade coa Lingua, voltará este ano aos seus inicios para pedir aos grupos de estudantes participantes obras orixinais, unha das cales terá que versar sobre un poema do autor ferrolán.

No caso da festa dos maios iniciada hai uns anos, tentarán darlle unha volta para convertila nunha especie de encontro coas letras en homenaxe ao escritor. “Estamos pensando en que os centros acheguen, en lugar de maios, pezas dun quebracabezas xigante da silueta do autor”, explica Xil.

No que atinxe ao recitado de poesía, que nos últimos anos se encadraba no programa de Teatro con G, daráselle de novo entidade propia para facer unha lectura independente o 30 de novembro co gallo do nacemento de Carvalho Calero, mentres que o devandito ciclo de artes escénicas incluirá obras de centros educativos escritas por el.

A asociación traballa nun proxecto arredor da obra “As pitas baixo a choiva” que poñerá en escena Ghazafelhos

Precisamente neste último programa terá cabida tamén a peza teatral que se está a preparar desde a Coordinadora, coa participación do grupo Ghazafelhos e por iniciativa dunha editorial ferrolá.

Proxecto teatral

“É unha obra que nos propuxo a editorial Embora e que constitúe un traballo moi completo pensado sobre todo para os escolares de primaria, xa que a maioría das obras de Carvalho Calero están pensadas para un público máis adulto, e demándase moito tamén para Primaria”, comenta.

Así, a partir do relato curto de Carvalho Calero, “As pitas baixo a choiva”, están a preparar un proxecto que xunto á obra de teatro incluirá un libro cedé cos temas que se veñen de gravar e que formarán parte da representación escénica así como unha unidade didáctica. Ademais de achegalo aos centros educativos, a idea é poder ofrecer esta interesante propostas ao público en xeral, nunha estrea no teatro Jofre que podería ter lugar no mes de febreiro.

En relación a este proxecto, o presidente da Coordenadora salienta que foi formulado pola editorial antes incluso de se coñecer que o escritor sería o homenaxeado das Letras Galegas de 2020.

Situación

A pesar de que os datos dos últimos informes publicados sobre a situación do galego non son moi esperanzadores –din que precisamente é Ferrol a cidade na que menos galego se fala–, o representante da Coordendora dá unha nova mostra do seu optimismo ao incidir no seguimento que teñen as súas actividades e o xeito no que os mozos e mozas respostan ás mesmas, cantando ou facendo teatro en galego, unha lingua que, salienta López, “non pode desaparecer, porque entón desaperecerá todo o que forma parte de nós”.

A figura de Carvalho Calero vertebrará as actividades para 2020 da Coordenadora de Equipas de Ferrolterra

Te puede interesar