A xornada inaugural de Equiocio Ferrol, prevista para o xoves 31 deste mes, a partir das 19.00 horas, reservará un oco privilexiado para o xa tradicional Festival de Mascotas, que busca revalorizar a achega dos animais de compaña á vida nos fogares. Este ano, o concurso volve con máis premios, tanto para os propios protagonistas como as súas familias humanas.
As persoas propietarias participantes deberán presentar os seus animais ao público, explicando o vínculo que os une, os beneficios da súa convivencia no ámbito familiar ou a súa historia. En calquera caso, todas as mascotas que se presenten recibirán un agasallo por conta do patrocinio de Hill’s.
Ademais, entregaranse diversos premios especiais: por un lado, para distinguir ao animal que constitúa un exemplo de superación, e por outro, ao que destaque pola excelente interacción cos seus humanos. Finalmente, a familia máis entregada aos coidados tamén será recoñecida pola súa dedicación.
Os interesados en participar no festival, que estará presentado pola integrante de Affinor Esther Guimaré, poden apuntarse cunha folla que se pode descargar neste enlace á web de Equiocio, así como atopar as bases. As inscricións realizaranse no propio certame, entregando o boletín até un cuarto de hora antes do incio do Festival de Mascotas.
O xurado encargado de tomar as decisións estará composto pola delegada de Hill’s en Galicia, Natalia García; a representante de Arco da Vella, Luisa Amor; Beatriz Capón, da perruquería canina A Malata, que adoita colaborar coas protectoras de animais da zona, e a bióloga e coordinadora da colonia felina de Ferrol Vello, Juana Pardo.