A festa das Letras Galegas en Canido propón música durante todo o día e rematar en foliada

Zavala con Atalaias de Caión, os DJ’s de Ferror Records e As Pías protagonizan o cartel deste encontro no barrio
A festa das Letras Galegas en Canido propón música durante todo o día e rematar en foliada
Bernardo, Nélida, Quirós e César, integrantes do grupo de música tradicional As Pías | CEDIDA

O selo local Ferror Récords convida a celebrar o próximo sábado, 17 de maio, o Día das Letras Galegas no centro cívico de Canido. A partir das 12.00 da mañá, este espazo comezará a recibir ao público que desexe aproveitar unha xornada festiva completa, coma sempre con entrada libre, que ofrecerá música en directo de categoría, picadas de discos e xantar, cun final que non podería ser máis axeitado para a ocasión.


A sesión vermú comezará ás 13.30 horas cun prato forte: o grupo Zavala acompañado das cantareiras Atalaias de Caión, que presentarán o seu recén parido segundo LP, de novo con Ferror Records: “Pequeno manual para grandes cambios II (Teoría e Práctica). Este innovador proxecto, que mestura sons orgánicos, electrónicos e tradicionais, atópase entre os finalistas dos XII Martín Códax da Música, polos que aínda se pode votar en liña cun sinxelo rexistro a través deste enlace, .


Quen prefira non perderse nada da xornada, poderá coller folgos coa comida que ofrecerá in situ o catering do bar Juanocho, no mercado da Magdalena, que levará ao centro cívico opcións carnívora, lacón e chicharróns; e vegana, potaxe de garbanzos. Os responsables da organización, Agostinho DJ e Fernando Fernández Rego, darán a remuda cunha sesión de picadiscos a partir das 15.00 horas.


O cuarteto As Pías, con influencias dos primeiros Cempés ou Os d’Abaixo, está integrado por Nélida (violín e voz), César (guitarra galega e voz), Bernardo (pito pastoril galego, requinta galega, gaita galega, clarinete, percusión tradicional e voz) e Quirós (guitarra acústica, bouzuqui irlandés, mandolina portuguesa e baixo).


Este grupo de recente formación, que se presentou hai un mes co seu sinxelo “Mariao”, estreará as melodías puramente tradicionais ás 16.30 para ir abrindo boca de cara á repichoca, que comezará arredor das 18.00.
Ademais, a editora ferrolá Edicións Embora terá un espazo para expoñer e vender as súas novidades e grandes éxitos. 

A festa das Letras Galegas en Canido propón música durante todo o día e rematar en foliada

Te puede interesar