Fernando Barroso | “Este disco é unha homenaxe ao silencio e á mandolina como instrumento”

Fernando Barroso | “Este disco é unha homenaxe ao silencio e á mandolina como instrumento”
diario de ferrol-9999-99-99-999-3f6ee495-p

Marchou de Ferrol con 18 anos para estudar en Vigo. Mañá, o músico, compositor e produtor Fernando Barroso volta á súa cidade natal para unha cita moi especial: presentar o seu segundo traballo en solitario, “Silence Lovers Club-Mandoline Pieces”, no que fai un guiño ao silencio nun tempo de tanto ruído e rende tributo a un instrumento, a mandolina, caracterizado pola súa “peculiar sonoridade e o seu inmenso rexistro”. O disco é un repertorio orixinal de doce temas acompañado polo violoncello de Margarida Mariño.

Por que decide dedicar este novo traballo á mandolina?
Eu viña tocando instrumentos de corda sempre noutras bandas e acompañando a outros artistas. Á mandolina lle tiña un especial interés porque é un instrumento global que está en moitos xéneros musicais e en diferentes partes do mundo e aquí en Galicia non quedou esa tradición de instrumentos de cordas que si existe, por exemplo, en Portugal. Quería achegar en Galicia ese graíño ao grande espectro de música de mandolina que hai por todo o mundo.

Que salientaría deste instrumento?
A súa sonoridade é peculiar e tamén ten un rexistro inmenso que está en estilos de todo o mundo. E o seu empaste co violonchelo pareceume moi interesante

O de mañá será o segundo concerto de presentación en Galicia logo de pasar por Vigo, León, Barcelona ou Madrid. Que resposta está a ter o disco?
A sensación é moi boa. Estou tocando con Margarida Mariño ao violoncello e este formato dúo funciona moi ben; estamos moi contentos. A diferenza do primeiro disco en solitario, “Intropía”, que foi un traballo de estudio, con este quixen crear un formato que me permitise facer concertos como solista. A verdade é que está a funcionar moi ben, estamos moi contentos.

O disco ten trazas de folclore, música clásica ou persa. En que se inspira a súa música?
Eu creo que vou canalizando todas as referencias musicais que podo ter para crear a miña propia música. Todas as cancións son composicións miñas, nas que si se poden apreciar matices de músicas doutros lados do mundo.Pero a miña intención sempre é intentar crear un estilo, crear as miñas propias melodías e intentar que estas sexan cautivadoras.

Teño entendido que no concerto de mañá contará con algún convidado...
Si. Quería que ademais da presentación do disco fose un día de reencontros, polo que convidei a tres amigos cos que eu tamén toquei: Pablo Vergara, Brais Maceiras e Serxio Ces. Vai ser unha alegría compartir escenario con eles de novo e que me acompañen nesta presentación.

Logo de acompañar a estes e outros músicos como Xabier Díaz ou Budiño, que foi o que lle animou a dar o salto ao seu proxecto en solitario?
Era algo que tiña en mente desde hai anos. Cando comecei na música tiven a sorte de traballar con artistas xa recoñecidos e aprender a profesión con eles, e facer moitos concertos, viaxar, coñecer xente interesante... No medio diso, antes de comezar esta etapa, tamén creei os meus propios proxectos con outros músicos de Portugal, Irlanda... Entre aquel comezo e agora sempre fun facendo a miña propia música, só que agora dando comezo a unha carreira persoal, porque quería facer os meus discos. l

Fernando Barroso | “Este disco é unha homenaxe ao silencio e á mandolina como instrumento”

Te puede interesar