Fernando Barroso & Banda presentan hoxe o seu disco no Teatro Jofre

Fernando Barroso & Banda presentan hoxe o seu disco no Teatro Jofre
A carreira en solitario de Barroso comeza en 2016, ano no que recibe o Premio Opinión ao Mellor Artista Galego | juan luis rúa

O músico ferrolán Fernando Barroso regresa ao Teatro Jofre para presentar o seu último álbum titulado “Xograr”, escenario que xa pisou para facer o mesmo co anterior disco, aínda que nesta ocasión vén acompañado da Banda.


O actual foi lanzado en 2020, xustamente unha semana antes do confinamento, polo que moitos eventos coma este quedaron adiados por mor da pandemia. Hoxe liquidarán esta cita pendente ás 20.30 horas e contarán coa colaboración de varios artistas locais.


Barroso comezou o seu proxecto persoal en 2016 co seu primeiro disco titulado “Intropía”, que o músico definiu como un traballo “máis elaborado en estudio sen pretensións de ser levado ao directo”, continuou co segundo chamado “Silence Lovers Club”, a dúo coa violoncellista Margarida Mariño, e este último álbum constituiría a evolución natural de todo o anterior.


Neste sentido, a parella musical da obra precedente únese nesta ocasión á batería de Álvaro Trillo e ao baixo de Xurxo Brea, conformando un formato maior a modo de banda. Da mesma maneira, Fernando Barroso adiantou que o próximo disco que están a preparar pretende tamén evolucionar cara o mundo da “world music”, un xénero contemporáneo que pretende englobar toda a música tradicional ou folclórica da totalidade das culturas. Así pois, nestes momentos están rematando de presentar “Xograr”, ao mesmo tempo que o despiden, debido a que agardan sacar o novo álbum en primavera.


Na actuación do Teatro Jofre, Fernando Barroso & Banda contarán coa colaboración de certos integrantes do grupo ferrolán Böj cos que ten vínculos, en concreto Fausto Escrigas, Pablo Vergara e Ricardo Mouriño. Cos dous primeiros a relación remóntase a hai preto de 30 anos, época da banda de música folk que formaron xuntos nos inicios do milenio, El Rincón de Morgan.


Ademais, participará a voz de Leticia Rey, á que Barroso coñeceu recentemente e quixeron convidar polo seu enorme talento, así como polo interese do traballo que realiza. Trátase dunha cantautora galega que ten unha longa traxectoria de formación musical aínda que o seu salto aos escenarios non ten tanto tempo, así que o concerto de hoxe constitúe unha oportunidade para moitos de coñecer novos prodixios coma ela, a un tempo que se goza doutros máis consolidados.


No evento do Teatro Jofre, o artista tocará dúas mandolinas completamente distintas, unha de corpo brasileiro pero construida polo lutier portugués Fernando Meireles e outra tipo bluegrass americano, que foi feita polo galego Jaime Rebollo. Ademais vai levar un bouzouki irlandés elaborado polo inglés Andy Tobin.


En “Xograr” inclúense varios temas en colaboración, como un con Adufeiras de Salitre. Entre eles poderíase destacar a de Hugo Guezeta por ser quizais a máis innovadora, xa que se trata da voz do rap de SonDaRúa. “Propúxenllo cun pouco de timidez, porque non sabía que lle ía parecer porque era unha fusión un pouco estraña, cun tipo que ven do folk coa mandolina”, comentou Barroso lembrando o momento entre risas.


Asimesmo, na derradeira canción do álbum intervén o Grupo de Cordas da Seccão de Fado da Académica de Coimbra, que o artista xa coñecía debido a que organizan o festival “Entrecordas” na histórica cidade portuguesa, e precisamente o ano anterior ao lanzamento do álbum, o conxunto musical convidouno a participar no encontro cultural.


Influencias


Desde que comezou a tocar a mandolina, Barroso foi recollendo referencias de lugares de países de oriente, Brasil ou Portugal, ademais de inspirarse en estilos como o jazz e a música clásica.


Ao tratarse de composicións propias, a música que realiza é totalmente orixinal, aínda que inevitablemente a súa obra reflicte certos matices que o autor foi colleitando e canalizando da súa experiencia. l

Fernando Barroso & Banda presentan hoxe o seu disco no Teatro Jofre

Te puede interesar