A exposición “Cantámola” inicia en Cabanas o seu percorrido por varios concellos da comarca

A exposición “Cantámola” inicia en Cabanas o seu percorrido por varios concellos da comarca
Un momento do acto de inauguración da mostra, onte no Concello de Cabanas | emilio cortizas

O Concello de Cabanas convértese desde onte no novo fogar temporal da mostra itinerante “Cantámola”, unha exposición que fai un percorrido pola ampla variedade de estilos da música en galego no que vai de século, desde o pop rock ao rap, mestizaxe, experimentación electrónica, músicas urbanas, tradicional ou infantil, entre outros.
 

De cada un deles achégase un importante número de bandas e artistas que demostran a riqueza e variedade da música creada en galego.
 

A mostra desembarca en Cabanas da man do Servizo de Normalización Ligüística que o devandito concello comparte cos municipios de Valdoviño, Ares, Mugardos e Neda a través da Mancomunidade, polos que irá viaxando logo da súa estadía na ubicación onde onte foi inaugurada. Alí, na Casa do Concello, permanecerá ata o mércores, para trasladarse nas xornadas do xoves e venres ao CEIP Eladia Mariño.
 

A presenza da mostra na comarca enmárcase nos actos de celebración do Día do Orgullo Neofalante, que se conmemora o vindeiro 1 de outubro, coincidindo co nacemento do cantautor ferrolán Andrés do Barro.
 

O acto celebrado onte contou coa participación de representantes dos cinco municipios sinalados, ademais da deputada provincial de normalización lingüística, María Muíño. Tamén estiveron presentes o ferrolán Pepe Cunha, comisario da mostra, e a cantautora mugardesa Sofía Espiñeira, que ofreceu un concerto.

A exposición “Cantámola” inicia en Cabanas o seu percorrido por varios concellos da comarca

Te puede interesar