En sintonía co elevado nivel da programación que cada nova temporada chega ao municipio da man do Padroado da Cultura, Narón acollerá esta semana –o venres ás 20.30 horas e o sábado ás 20.00 horas– un dos pratos fortes do menú cultural da produción artística galega do ano.
O Pazo da Cultura é o escenario elixido para as dúas primeiras funcións do proxecto máis ambicioso desenvolvido ata o de agora pola compañía estradense Malasombra Producións. Trátase de “Vox Populi”, a primeira ópera rock de Galicia, unha peza de teatro musical de grande formato con música e letras orixinais, interpretadas en directo por doce actrices, actores e músicos, e que reflexiona sobre o poder e os discursos populistas.
Máis alá de se converter no escenario da estrea, Narón está tamén moi presente no equipo desta interesante proposta a través de sete profesonais da localidade, entre os que se inclúen o dramaturgo Jose Prieto, que asina os textos e a dirección; e o músico Carlos Mosquera Mos, autor e director musical.
Este último forma parte, ademais, dun elenco no que tamén figura Xoque Carbajal, responsable de Malasombra e creador da idea orixinal, Susana Sampedro, César Goldi, Paku Granxa, Bea García, Paula Pier, Celia González, Brais Iriarte, Pablo Leira, Chechu Mosquera e Lorena Cachito.
Diego Valeiras, na escenografía e vestiario; Xoque Carbajal, na iluminación, e Miguel Carbajal, no apartado de deseño gráfico, completan o equipo.
A peza, que fala do auxe da ultradereita en todo o mundo na época actual, achégase a unha grande variedade de temas relacionados con este fenómeno, como a inmigración, as liberdades e os dereitos sociais. O Pazo da Cultura acolleu onte a presentación da mesma, nun acto que contou coa presenza da alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, acompañada polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; Xacobe Carbajal e José Prieto.
“É un orgullo que sexa Narón o lugar elixido para esta estrea dunha obra das compañías de maior relevancia no panorama cultural galego actual”, salientou Ferreiro, que tamén destacou o feito de que na mesma participen sete profesionais da cidade.
A rexedora valorou, así mesmo, a colaboración das administracións, neste caso a través do Concello e da Xunta de Galicia, para respaldar a produción cultural. “Grazas ao Agadic por esta colaboración para materializar este e outros espectáculos e parabéns a Malasombra Producións polo seu traballo e a todo o equipo de Vox Populi, que estamos desexando ver sobre o escenario do Pazo”, engadiu.
Jacobo Sutil, que tivo tamén palabras de agradecemento para o Concello polo seu labor, lembrou a participación da administración autonómica neste espectáculo a través de dúas liñas de colaboración.
“Este proxecto insírese dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, no que acabamos de comezar o primeiro semestre con oito funcións en Narón, dúas deste espectáculo”. Asegurou ademais que “para nós é un pracer colaborar co Concello de Narón que como todos sabemos é un dos máis importantes non só polo Pazo da Cultura, senón tamén polo nivel de programación”.
O responsable de Malasombra, Xoque Carbajal, apuntou á peza como proxecto máis ambicioso da compañía. En relación á temática, explicou que fala sobre “eses mandatarios que chegan ao poder axudados polo pobo pero que despois comezan os problemas e as represións, do que hai moitos exemplos”.
O autor e director da obra, José Prieto, agradeceu o ofrecemento da compañía para poder participar no proxecto. “Esta é a primeira ópera rock que se fai en Galicia”, destacou, incidindo en que “a xente que lle guste o rock ten un sitio perfecto aquí para vir a unha especie de concerto, e teatralmente cóntase unha historia de cómo a través dun voto inocente, non dende a ideoloxía, chega ao poder alguén que non ten os mesmos fins que un inocentemente pensaba e xorde o dilema da xente de que facer despois”.
O naronés definiu a obra como “unha traxedia grega” e no tocante á posta en escena subliñou que “conta coa presenza dun héroe, Carlos Mosquera Mos, que é probablemente unha das mellores voces de Galicia e compositor da obra, que son corenta cancións, algo que creo que non ten precedentes en España”. En hora e media, o público “poderá escoitar boa música, unha historia moi entretida, irónica e con interacción”, concluíu Prieto.
As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público xeral e 6,65 para aboados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).
Trala súa estrea en Narón, o espectáculo iniciará a súa xira pola comunidade, con paradas no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo, 27 de xaneiro; Teatro Principal de Santiago, 2 e 3 de febreiro; Teatro Principal de Pontevedra, 2 de marzo; Auditorio Municipal de Vigo, 3 de marzo; Auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros, 11 de marzo; Teatro Principal da Estrada, 17 de marzo, e Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño, 15 de abril.
O espectáculo intégrase no proxecto trienal para o que Malasombra obtivo en 2021 unha subvención da Xunta á creación escénica, na modalidade destinada a favorecer a actividade continuada das empresas teatrais galegas.
Sutil aproveitou, de feito, para felicitar a Carbajal e Prieto polos resultados obtidos a partir da axuda autonómica de 100.000 euros, que neste período de tres anos lles permitiu desenvolver tanto este espectáculo de grande formato como a comedia “Habeas Corpus”, estreada en xullo de 2021.
Apuntou a “Vox Populi” como unha das agardadas estreas teatrais deste semestre ao abeiro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto cofinanciado pola Xunta e as corenta entidades locais asociadas, no marco do que se celebrarán preto de 320 funcións a cargo de 114 formacións artísticas ata finais do vindeiro mes de xuño, cun investimento de máis de 1,1 millóns de euros.