Equiocio organiza a habitual xornada de limpeza no campo das Cabazas tralo certame

Con esta acción búscase poñer en valor os terreos que, nos días previos, servirán de escenario ao certame hípico e de lecer familiar
Equiocio organiza a habitual xornada de limpeza no campo das Cabazas tralo certame
A devandita xornada desenvolverase o xoves 8 de agosto | Jorge Meis

Equiocio Ferrol, Asociación Chelonia e Coca-Cola, a través da súa iniciativa Mares Circulares, volven unir forzas no eido da nova edición de Equiocio. Así, logo da celebración do certame, impulsarán unha xornada formativa e de limpeza de residuos no Campo das Cabazas, en Covas, onde se celebra o evento. O prazo de matrícula xa está aberto á cidadanía, debendo inscribirse previamente –e ata o 2 de agosto– a través do correo fplago@equiocio.es.


Con esta acción búscase poñer en valor os terreos que, nos días previos, servirán de escenario ao certame hípico e de lecer familiar. Uns terreos propiedade da Comunidade de Montes veciñais de man común de Covas e Esmelle –que os cede para a ocasión–, que son de extraordinario valor medioambiental, obxecto de coidado e mimo durante todo o ano por parte de Equiocio Ferrol.


A devandita xornada desenvolverase o xoves 8 de agosto de 9.30 a 13.30 horas, e arrancará no local da Asociación de Veciños de Covas, onde a entidade Chelonia impartirá unha formación previa en materia medioambiental a todas as persoas voluntarias que se anoten. Seguidamente, a acción trasladarase ao Campo das Cabazas para realizar a limpeza, que contempla facer cunha recollida selectiva dos residuos para a súa posterior xestión. 


Cultura mariñeira 


Noutra orde de asuntos, e co ánimo de divulgar a cultura mariñeira entre os más pequenos, Equiocio organizou este mércores na Pescadería de Ucha o obradoiro didáctico “Peixiños” que se artellou a modo de xincana. 
 

Tomaron parte na acción nenos e nenas de entre seis e doce anos que puideron aprender sobre as diferentes especies de peixes e mariscos que podemos atopar nos mercados e prazas de abastos da Comunidade, as zonas onde se pesca cada unha delas e a importancia de incluír o peixe na nosa alimentación. A cita contou co apoio da Consellería do Mar. 

Equiocio organiza a habitual xornada de limpeza no campo das Cabazas tralo certame

Te puede interesar