Esta fin de semana, un dos grupos de música tradicional que máis está integrando os carteis festivos da comarca, Encrucillada, realizará dúas actuacións totalmente de balde. O escenario deste sábado será a área recreativa O Castro de Cerdido e o domingo o teatro Jofre. Nos dous casos, o protagonista do repertorio será o último disco da formación folk, “De volta!”, un traballo que achega temas bailables que xa soaron por numerosos eventos durante a época do verán.
O concerto de Cerdido, que constitúe a primeira das actuacións concedidas ao Concello dentro do programa Dinamiz-ARTj, dará comezo ás 23.00 horas. Así pois, o grupo formará parte do elenco de artistas que poñerán as melodías do festival organizado pola asociación Airiños dos Carrís.
O último traballo da formación será presentado de maneira oficial nunha sesión que terá lugar no Jofre ás 19.00 horas. Nesta cita, dado o seu carácter especial, estarán acompañados de amigos e colaboradores como son o grupo de baile Álvaro Cunqueiro, de Lago; Os Carecos, da comarca do Ortegal; as pandereteiras Algarabía, da mesma parroquia valdoviñesa, e como mestre de cerimonias, contarán co polifacético Emilio Romero Fabal.
Dende o pasado martes, os interesados en ser partícipes desta presentación poden retirar as súas entradas, que aínda que son gratuítas, deben obterse na billeteira do propio teatro para reservar a praza. “O domingo non só celebramos o retorno físico, senón tamén o reencontro coas nosas raíces, coa nosa cultura e coa nosa identidade”, manifestaron dende a formación.
O novo disco é considerado polos creadores como algo que vai moito máis aló da mera grabación, xa que, por medio del, homenaxean a todas aquelas persoas que nalgún momento tiveron que deixar a súa terra, aínda que nunca esquecerían o seu camiño “de volta”.
Encrucillada está formado por seis músicos procedentes de distintos puntos da comarca, como son Ferrol, Fene, Neda, San Sadurniño e Valdoviño. Algúns dos instrumentos que se escoitan nas súas cancións son as percusións tradicionais, as gaitas, o acordeón e o saxo, entre outros. Todos estes soarán a mans dos irmáns Alberto e Óscar Maceiras, Antonio López Lago e Javier Rodríguez Castro. Ademais, estas melodías estarán acompañadas polas voces de Elena Díaz e Xoán Padín.