As embarcacións tradicionais reclaman que se recoñeza o seu valor coa Travesía Rumbo Ártabro

As embarcacións tradicionais reclaman que se recoñeza o seu valor coa Travesía Rumbo Ártabro
Embarcaciones tradicionales

As embarcacións tradicionais atesouran un patrimonio marítimo e industrial con séculos de historia pero continúan enfrontándose ás dificultades dunha infraestrutura que xa non está pensada para elas. Ducias de asociacións de toda Galicia loitan desde hai anos para manter a flote esta memoria e poder contar con apoio institucional para vencer dificultades como o feito de que non queden case carpinteiros de ribeira ou que teñan que asumir os mesmos prezos de atraque que outros barcos (só en Vigo e Muros teñen desconto).

No Golfo Ártabro existe conciencia da importancia deste patrimonio e membros de distintos clubes asociáronse baixo o nome Rumbo Ártabro para promover unha travesía que desde onte e ata o vindeiro domingo encherá as rías de Betanzos, Ares e Ferrol de velas e de madeira. “O obxectivo é poñer en valor as embarcacións tradicionais, que se dean a coñecer. Están desaparecendo e non teñen axuda ningunha para conservalas”, explica Arturo Lou-reiro, do Club do Mar de Ferrol. Esta entidade é unha das que participan nesta travesía, xunto co Club Náutico de Ares, o Club Marítimo de Perbes, Porta da Vila de Betanzos e a asociación cultural mariñeira Os Patexeiros, de Sada.

Regata reivindicativa
A concentración empezou onte á tarde en Ferrol, con case unha ducia de barcos atracados en Curuxeiras. Hoxe sumaranse novas naves á travesía, ata chegar á vintena. O plan para esta xornada festiva é o de desprazarse a Ares e que os barcos pasen alí a noite. Mañá venres o percorrido levaraos ata Perbes, onde se fará unha regata –o VI Gran Premio Embarcacións Tradicionais, puntuable para a Copa Balbina– que servirá ademais como homenaxe e como reivindicación da importancia dos carpinteiros de ribeira. “Quédanos un en Lorbé”, apunta Loureiro, “que é o que temos máis próximo. Antes tiñamos un en Cedeira pero pechou hai un par de anos. Tamén comezaron uns cursos no CIFP Ferrolterra o ano pasado”. Son os recursos dos que poden botar man para manter as súas pequenas embarcacións, aínda que a maior parte dos arranxos corren por conta propia, gastos incluídos. “Temos que aprender nós como se fan as cousas”, di.
Logo da regata de Perbes os barcos desprazaranse a Sada, onde formarán parte da VII Xuntanza Patexeira. Xa o sábado está previsto que naveguen ata Lorbé e logo a Mugardos, para encadrarse no seu II Encontro de Embarcacións Tradicionais. Xa de volta na ría de Ferrol, o domingo será a xornada de regreso ao porto base, en Curuxeiras.


O tempo podería alterar a programación, porque a maior parte das embarcacións son de pequeno porte e teñen máis dificultades para cambiar dunha ría a outra, en mar aberto, no caso de que haxa mar de fondo. Porén, as previsións meteorolóxicas son boas e incluso onte á tarde, a pesares da néboa e a pouca visibilidade, non houbo problema en arribar a Ferrol.

As embarcacións tradicionais reclaman que se recoñeza o seu valor coa Travesía Rumbo Ártabro

Te puede interesar