miércoles 5/8/20

Do Barro eterno (e revisitado)

Vénse de cumprir medio século do lanzamento do disco “O Tren”, un traballo que consagraría ao ferrolán Andrés do Barro nas listas de éxitos da música en España. Con ese motivo, un grupo de artistas liderados por Marcos Mella, fillo do baixista dos Sprinters, gravou unha versión, co seu vídeo, do mítico “Teño saudade”
Marcos Mella é un dos impulsores da homenaxe ao músico que levou o galego ao número 1 das radiofórmulas | d. alexandre
Marcos Mella é un dos impulsores da homenaxe ao músico que levou o galego ao número 1 das radiofórmulas | d. alexandre

Ninguén antes nin despois conseguiu coar unha canción en galego no número 1 das radiofórmulas. Andrés do Barro –Ferrol, 1947-Madrid, 1989– é o máximo expoñente da canción pop en galego e, se ben é certo que houbo épocas nas que a súa música non foi valorada na súa xusta medida, desde hai algúns anos –se cadra foi o “Manifesto Dobarrista”, en 2007, o que sinalou ese camiño– o seu legado é reivindicado polas novas xeracións. 

Agora, Do Barro recibe unha nova homenaxe, desta volta de perto dunha vintena de artistas que, coincidindo co 50ª aniversario do lanzamento do mítico “O tren”, vén de publicar nas redes unha versión de “Teño saudade”,  tema de referencia dun dos impulsores deste proxecto. Tratátase, explica Marcos Mella, dunha vella idea que atopou no confinamento o momento e o lugar para se materializar. 

“Era algo que tiña falado con algunhas persoas desde había tempo”, explica, “pero sempre se foi adiando. Agora, ao estar na casa, pensei que era o momento”. Mella propúxollo a tres vellos amigos, Débora Silva, Álex Uzal e Belén Baños. “A idea”, relata Baños, “era unha homenaxe diferente, elegante, sincera e agradecida, xa que Marcos sempre o admirou, axudado polo feito de que o seu pai foi no seu tempo músico da propia banda de Do Barro”. 

Mella lembra que todos eles “non o dubidaron nin un intre”, se ben acordaron que tiña que implicar máis xente. “A música de Andrés debía soar dende e para outros artistas confinados cos que xuntar sentimentos”, apunta Belén, “tecendo unha rede que honrase a súa figura, música eterna de Do Barro, e llo demostrase á propia familia do artista, pero tamén que honrase a música de autor galega actual”. 

Había varias opcións, mais finalmente escolleron “Saudade”, e foi Belén a que se encargaría de llo propor a outros artistas. Só se fixou, sinalan, un criterio. “Si, que fosen tan boas persoas como bos artistas, cantautores que, por razóns diversas, non tivesen tanta sona como debesen pola súa valía. Queriamos que Saudade 2020 fose un agasallo para todos”. Deste xeito, ademais dos catro impulsores, sumouse Silvia Penide, Carmela “Mihermanapequeña”, Xabier Vicaíno, David Prado, Álvaro Iglesias, Dani Ríos, Alessandra Gallo –dende Basilea–; Cristóbal Castro –percusión–; Víctor Gacio –que axudou coa masterización e a mestura do son–; Natalia Navaza –que gravou a canción en lingua de signos– e Gogue, debuxante e ilustrador que, subliña Baños, “fixo unha caricatura sobre unha fotografía familiar que nos enviou unha das fillas de Andrés do Barro, Andrea”. 

O proceso, nas condicións do confinamento, non foi doado. Asegura Mella, de feito, que foi “moi complicado porque todos temos unha historia detrás: quedamos sen concertos, sen poder traballar, foi moi duro. O importante é que as persoas ás que llelo propuxemos dixeron que si sen dubidalo”.

“Moi especial”
O resultado é un vídeo musical que pode verse xa nas redes e que, para Mella, supón “un proxecto especial porque tamén incluía ao meu pai, que facía moito tempo que non tocaba o baixo”. Nese sentido, o músico ferrolán lembra que “como non se trata dunha versión fiel do orixinal que tocaba no seu tempo con Andrés, foi curioso velo reinventarse de novo”. Pero, además, explica, “a min deume a vida, afeito como estaba a tocar as fins de semanas, co disco xa gravado e no que estiven traballando dous anos. Saudade 2020 foi un estímulo nun momento no que todo se ía ao tacho”.

No que concordan os participantes é na forza que ten aínda Do Barro. “É un fenómeno da natureza”, afirma Mella, “e como conseguiu cantando en galego pasar por diante de xente como Julio Iglesias...”. Belén Baños, pola súa parte, cre que a importancia de Do Barro radica en que “era un artista fiel a si mesmo e á súa terra, fiel á cultura, ao xeito de ser e de expresarse popularmente o pobo galego, sen ese complexo histórico que xeración tras xeración, segue ensombrecéndonos, inxusta e inexplicablemente. Foi un artista que, expresándonos con morriña e con alegría, soubo colocar Galicia á cabeza do panorama nacional e internacional”.

Sobre se o fenómeno Do Barro sería repetible hoxe en día, os homenaxeadores cren que si, e iso porque “afortunadamente hai máis medios e máis rápidos de chegar a máis público; e porque quero crer que na escena musical española as manifestacións como a galega ou calquera outra nacionalidade, lingua e cultura, poden ser valoradas polos propios profesionais e polos públicos. Porque desexo crer que cada día somos máis capaces de respectar e pór en valor as diferenzas dun xeito integrador e creador”.

Comentarios