“Con este disco demostro que o galego é tan válido para a lírica como o italiano”

“Con este disco demostro que o galego é tan válido para a lírica como o italiano”
PACO MONTERO

Responsable durante anos de Los Tamara, onde compartiu táboas e intensa experiencia vital con Pucho Boedo, o ferrolán Paco Montero non se resiste a superar a crise social e musical facendo o que máis lle presta, música. Se Víctor Aneiros fai blues en galego, Montero amosa que é posible trasladar arias das óperas máis famosas a nosa lingua. O disco “O Danubio azul”, gravado nos estudios Penteo de Serantes, é a proba contundente.

¿Como naceu este proxecto de facer estas populares obras de Strauss, Verdi ou Schubert en galego?
Eu considérome galego e galeguista. Quero a miña lingua e non me gustaría que se perdese. Agora vivimos nun intre en que volve ser necesario dignificala e tomar conciencia da súa validez, así que quixen demostrar o fermosa e útil que pode ser no terreo da lírica. Strauss, Verdi ou Schubert encaixan como unha luva co galego.

¿Que características destacaría deste traballo?
Levoume case dous anos, gravando as pezas nos sensacionais estudios de dobraxe Penteo de Serantes. Hai moitas colaboracións e adicatorias. Pola miña parte fixen un gran esforzo adaptando pezas máis grandes a un formato máis pequeno, sintetizando cos arranxos e traducindo ao galego os textos.

Une vostede o lírico co humorístico, xa que tamén inclúe no disco pistas con chistes e retrancas galegas.
Somos un pobo rexo de espírito, pero tamén cunhas gañas de troula e unha ironía potentísima. Quixen subliñar este carácter noso, humorístico, porque tamén está na nosa terra.

¿Como pode conseguirse “O Danubio azul”?
O disco estará a finais de mes na tenda M4, pero quero dicir que aos parados ou xente que non o poda mercar que mo diga e regálollo, doullo sen problemas. De tódolos xeitos posiblemente acabe poñéndoo tamén na páxina web dos estudios Penteo.

¿Presentarase ao vivo o disco?
Teño unha data que é o 19 de marzo, o día de San Xosé. Eu comecei cantar no mundo das rondallas e para min esa data ten moito significado. Gustaríame que fose no Teatro Jofre e xa falei co alcalde e o concelleiro de Cultura, pero aínda non sei nada deles e o tempo pasa.

¿Cre que a súa cidade non apoia o seu traballo?
Espero que non suceda como coa ópera “Xelmirez e Alfonso VII”, un traballo espectacular, feito con moito esforzo que xa está gravado. Todo estaba listo para facer a presentación no Jofre coa dirección de Roberto Casteleiro e a última hora o Concello rebaixou a axuda ata facer inviable a presentación. Teño claro que desta vez se non me axudan, ou ben teñen algo contra min ou teñen algo contra o galego, non hai outra.

De non presentarse finalmente o disco no Jofre, ¿onde o faría?
En calquera sitio, pero gustaríame que fose nesa data.

¿Bota de menos aqueles anos nos que formaba parte de Los Tamara?
Claro, se eramos os Beatles galegos! Eu entrei no grupo en 1974, porque Pucho xa comezaba a ter algúns problemas, e tes saudade desa época porque a profesión musical cada vez é máis difícil e hai menos cartos. A crise nótase moito, igual que noutros sectores pero tamén porque aquí o negocio foi a menos. Recordo as xiras por toda Europa: Suíza, Alemaña, Francia, Inglaterra, Finlandia... A emoción nas Casas de Galicia, onde cantabamos en galego, pero tamén polos cabarets de media Europa. Alí cantabamos moito en francés porque Pucho coñecía ben a lingua. Recordo chegar a América e ver un cartel enorme no aeroporto: “Los Tamara vuelan con Iberia”. Tamén un concerto dobre a mediados dos 80 en Panamá, pagáranos tres millóns de pesetas, como auténticas figuras!

“Con este disco demostro que o galego é tan válido para a lírica como o italiano”

Te puede interesar