O Diario de Ferrol, herdeiro de 180 anos de tradición xornalística

Desde El Norte de Galicia e El Litoral Gallego, de traxectoria efémera Ferrol quedou orfa ata a feliz chegada do Diario de Ferrol
O Diario de Ferrol, herdeiro de 180 anos  de tradición xornalística
Entrada á sede de Diario de Ferrol na praza de Galicia, ao carón do Jofre | Daniel Alexandre

A rica tradición xornalística da nosa cidade, con case trescentas publicacións periódicas, iníciase en 1845 coa aparición de El Águila. Revista marítima y literaria. Dirixida polo ferrolán Benito Vicetto vocéase polas rúas  a partir do 10 de setembro, pero por falta de medios económicos tivo  unha curta vida, xa que  remata co  número 3, do 30 de setembro. 


A esta publicación pioneira séguelle un amplo abano de cabeceiras da máis variada tipoloxía, que van reflectir o rico e diverso tecido socioeconómico, político e cultural da cidade. Por tipificalas e a modo de exemplo, pódense atopar exemplares de prensa de información xeral, política ou de partido, obreira, satírico-humorística, confesional, masónica, profesional, deportiva ou de intereses diversos.


De todas elas a publicación de máis longa vida na historia do xornalismo ferrolán foi o Boletín del Círculo de Maquinistas de la Armada, unha revista de carácter corporativo, que mantivo a súa presenza durante 63 anos, pois veu  a luz o 15 de novembro de 1872, e finalizou o 31 decembro de 1935, sen que puidera ter continuidade polo estoupido do Alzamento franquista.

 

 

Entre as diversas cabeceiras da prensa de información xeral, a primeira é El Brigantino. Agroma o 2 de xaneiro de 1866 pero  despois do triunfo do levantamento  de setembro de 1868 pasa  a chamarse Boletín de la Revolución. Tirábase na imprenta de Ricardo Pita, que era tamén o editor, director e un dos máis importantes redactores, funcións que hoxe en  día serían difíciles de asumir por unha soa persoa. 


O Diario del Ferrol aparece en setembro de 1872. Foi fundado por Luciano Taxonera, que se ocupou tamén da dirección. Finaliza, probablemente, o 20 de abril de 1886, cunha duración de algo mais de 14 anos. O caso máis representativo e de consulta obrigada para todos os que queiran coñecer o latexar cotián da nosa cidade foi o xornal El Correo Gallego

 

Saía do prelo o 1 de agosto de 1878, seguramente ningún dos seus responsables, entre eles o seu fundador, o home de negocios José Mª Abizanda Sanmartín, pensaría que ía durar tanto tempo. Despois de sesenta anos de contacto diario cos lectores  o 1 de outubro de 1938 fusionábase con Eco de Santiago, e nun curioso caso de  nomadismo político o 8 de novembro deste mesmo ano  pasaba  a editarse ata nos nosos días en Santiago, quedando Ferrol cunha delegación na actual rúa Real. 

 

En plena Guerra Civil a Ditadura franquista non permitía discusións, nin debates públicos sobre tan transcendente decisión de deixar a esta importante poboación, con case 60.000 habitantes, mais dos lectores da súa ampla bisbarra, sen un medio de comunicación de seu. A partir de entón a nosa cidade pagou un alto  prezo, moi superior as 80.000 pesetas polo seu traspaso á Editorial Compostela, pois quedou orfa de mostrar os seus logros e  de manifestar  as súas aspiracións ata  a tardía aparición do Ferrol Diario, o 12 de xullo de 1969.

 

 

Francisco Suárez y García funda La Democracia, que vai ter unha duración de once anos, dende 1885 ata o 30 de maio de 1896. Como voceiro da clase obreira mantivo tensas polémicas con El Correo Gallego  e con La Monarquía, que foi fundado por Nicasio Pérez  e Demetrio Plá, sae do prelo o 1 de decembro de 1886 e remata o 12 de novembro de 1897, uns once anos despois do seu nacemento.


Fundado por Francisco Barcón de Quevedo, o 16 de abril de 1903 nace o Diario Ferrolano. En palabras do seu novo director, o escritor Wenceslao Fernández Flórez, “Era un periódico considerable, de vida casi fastuosa, que montó por su cuenta la primera estación de telegrafía sin hilos que hubo en España, para poder recibir por la noche su información, porque el Estado no se había decidido a hacer permanente la estación telegráfica de la capital del primer departamento marítimo”. Tivo continuidade, polo menos, ata fins de xuño de 1917, case 14 anos. 


El Faro de Ferrol fundado por Ángel García Valerio fai a súa aparición en 1914 e o último número que coñecemos leva  a data do 28 de novembro de 1918, sen que supere os catro anos de existencia. A pesar da existencia deses diversos xornais de información xeral, algúns deles de efémera vida, coa desaparición de El Correo Gallego en 1938, a cidade tivo que agardar  máis de trinta  e un anos para volver ter un voceiro local.

 

Foi co do Ferrol Diario o 12 de xullo de 1969, tal como anunciaba na súa editorial: “Hoy en esta hora, en el momento preciso nace Ferrol Diario, el diario de una ciudad que –quizá la de mayor número y más inquietos lectores entre los de Galicia– ha estado sin él tantos años (…) a lo que venimos es a defender los intereses de Ferrol”. 

 

 

A pesar deses bos propósitos a nova cabeceira despois de pasar por numerosos dificultades, entre elas que se tirara durante máis de dous anos na rotativa de La Región, de Ourense, situación de difícil precedente na historia da prensa escrita, tivo que pechar definitivamente o 2 de abril de 1980, despois de dez anos tres meses de existencia. 


Logo viñeron outros xornais, como El Norte de Galicia, e El Litoral Gallego, de traxectoria efémera e de novo Ferrol volveu quedar orfa dun medio de comunicación ata a feliz chegada do Diario de Ferrol, aló polo afastado día do 2 de xuño de 1999. 

 

Rodeado dunha grande expectación e coas serias reservas dos típicos agoireiros ferroláns, que nunca fan nin deixan facer, tal como ten escrito o seu primeiro director, Man Castro, auténtico artífice da súa xestación e consolidación: “En el número 31 de la calle Galiano  (...) un valeroso equipo de periodistas, casi todos jóvenes y la mayoría mujeres (...) logró el milagro, esto es dotar a Ferrol y su área de influencia de un periódico, de una voz propia (...). Entre sus paredes se fraguó y maduró una iniciativa en la que pocos creían, a sabiendas de ello, de que era imprescindible derribar auténticas barreras de escepticismo y actitudes de resistencia de parte de quienes pensaban, con peregrinas razones, que sería flor de un día y así lo pregonaba”. 

 

Afortunadamente o noso Diario, do que teño a satisfacción de escribir na súas páxinas dende o primeiro día ata hoxe, cumpre vinte seis anos de cita puntual cos seus numerosos lectores e na dilatada historia do xornalismo ferrolán ocupa xa a terceira praza polo seu tempo de duración. Longa vida e Feliz Aniversario!

 

*Guillermo Llorca é historiador e escritor

O Diario de Ferrol, herdeiro de 180 anos de tradición xornalística

Te puede interesar