Descubrir as potencialidades do Campus a través do Camiño Inglés

Descubrir as potencialidades do Campus a través do Camiño Inglés
Desde a esquerda, Ginés Nicolás, Ana Isabel Ares e Armando Yáñez | c.i.f.

Coñecer máis polo miúdo o Campus Industrial de Ferrol e as súas potencialidades nos eidos da docencia, da transferencia e da investigación a través do percorrido das seis etapas do Camiño Inglés. Esta é a proposta que fai “Camiño ConCiencia”, un proxecto de divulgación científica promovido por tres investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (Citeni), Ana Isabel Ares Pernas, Armando Yáñez Casal e Ginés Nicolás, xunto con persoal técnico do Campus Industrial de Ferrol.
 

A proposta, que conta ademais co apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía –dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación– está aberta á participación de 50 persoas. Terán preferencia nas inscricións –poderán formalizarse ata este venres– o persoal investigador e de administración e servizos da Universidade da Coruña.
 

A partir desa data, a actividade abrirase a todas aquelas persoas maiores de idade interesadas en participar. Haberá que enviar un correo electrónico cos datos persoais ao correo investigacion.campus.industrial@udc.es ou chamando ao teléfono 881 01 36 38. O prezo da actividade ascende a 32 euros (7 euros a primeira etapa e 5 euros as restantes). Inclúe un servizo de autobús para a volta ao punto de inicio de cada unha das etapas.
 

En cada unha das etapas, os camiñantes atoparán nos correspondentes puntos habilitados, paneis informativos sobre diferentes cuestións relativas ao Campus Industrial, desde as que teñen que ver coa oferta académica da escolas e facultades, ata as relacionadas cos proxectos que se están a desenvolver no Citeni ou mesmo cos programas de transferencia que se están a poñer en marcha desde o Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia.
 

Nestes mesmos espazos, os participantes poderán ir cumprimentando a credencial do “Camiño ConCiencia”, que lles permitirá obter a “Cienciostela” –ademais da Compostelana– á súa chegada a Santiago, onde ademais recibirán como agasallo unha camiseta co lema do proxecto de divulgación “Eu camiño con ciencia”.
 

Os resultados desta primeira experiencia plasmaranse nunha publicación que servirá como antesala para a organización dunha edición internacional desta nova inciativa, na que está previsto que participe persoal investigador e de administración e servizos de universidades doutros países.
 

Etapas

A actividade dará comezo este mesmo mes. A primeira das etapas, entre Ferrol e Neda (17 kilómetros) está prevista para o vindeiro domingo 19. O día 26 cubrirase a distancia entre Neda e Pontedeume.
 

En marzo, o día 5 realizarase o tramo entre Pontedeume e Betanzos; o día 12, Betanzos-Bruma; o domingo 19, Bruma-Sigüeiro; e o 26, Sigüeiro-Santiago.

Descubrir as potencialidades do Campus a través do Camiño Inglés

Te puede interesar