O libro “La biblioteca de las lectoras valientes”, de Kate Thomson, centra a última xuntanza deste curso do Club de Lectura de Fene. A actividade desenvolverase este mércores no salón de actos da Casa da Cultura, entre as 18.00 e as 19.30 horas.
As catorce persoas que participan neste encontro, como é habitual, recibiron previamente os seus exemplares do volume que deberán comentar. Trátase dunha novela baseada en feitos reais que xira en torno a unha biblioteca subterránea en Londres durante a Segunda Guerra Mundial.
“La biblioteca de las lectoras valientes” preséntase como unha declaración de amor aos libros, ás bibliotecas e ás historias que sosteñen a esperanza nos momentos máis difíciles. Clara Button é a protagonista que funda o local baixo terra, sobre as vías dunha estación de metro en desuso, e que acaba por crear unha comunidade secreta mentres fóra caen as bombas.
O Club de Lectura da Biblioteca de Fene ten carácter mensual, e as xuntanzas organízanse un mércores ao mes. Este ano as actividades desenvolvéronse de xaneiro a maio, sempre no mesmo horario de tarde. Para cada encontro proponse algún libro de temática e xéneros variados, que poden estar escritos tanto en galego como en castelán.