O Consello da Xunta declara Área Rexurbe o barrio de Ferrol Vello

O Consello da Xunta declara Área Rexurbe o barrio de Ferrol Vello
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preside o Consello celebrado no edificio autonómico en Ferrol | jorge meis

A creación dunha nova delegación autonómica en Galicia, en Ferrol, cuxa primeira responsable será Martina Aneiros, solemnizouse onte coa celebración na cidade do Consello da Xunta, presidido polo presidente, Alberto Núñez Feijóo. Foi un encontro no que se avanzou en distintos proxectos relacionados coa zona, como a declaración de Ferrol Vello como área Rexurbe, o que amplía as posibilidades de axudas públicas para a rehabilitación urbana; ou a integración de porto e cidade a través dun acordo entre a Xunta e a Autoridade Portuaria para humanizar a estrada baixa do Porto desprazando os peches e creando un carril-bici, ademais dun aparcamento disuasorio.


O presidente da Xunta fixo balance de inversións autonómicas vencelladas ao Pacto por Ferrol en infraestructuras, programas de emprego, atención aos maiores, rehabilitación, innovación tecnolóxica, sustentabilidade ambiental, mar ou no eido sanitario, coas obras no CHUF por bandeira. Feijóo referiuse a elas como “a obra pública máis importante da década” e avanzou que se eliminan límites de gasto anuais para poder acelerar os traballos.


“Damos un paso definitivo, necesario, oportuno e proporcional á importancia de Ferrol”, asegurou Núñez Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello en relación á nova delegación territorial. Supón darlle importancia na interlocución a estas tres comarcas e implica ademais a ampliación do espazo físico da Xunta, que xa adquiriu o edificio colindante.


Feijóo pediu ao concello celeridade na concesión de licencias para “non repetir erros do pasado” e poder avanzar en obras como a da residencia de maiores no Bertón, financiada pola Fundación Ortega. 


“Estámolas executando noutras cidades, necesitamos licencias para inicialas de forma inmediata”, afirmou.


Anunciou ademais o inmediato comezo das obras do albergue de peregrinos nas instalacións da Casa do Mar cedidas pola Autoridade Portuaria.


Ao respecto das oportunidades que ofrece a declaración de Área Rexurbe (a sexta da Comunidade e a segunda das cidades, despois da Coruña), o presidente da Xunta aludiu á reurbanización de rúas, melloras estéticas e á rehabilitación de casa natal de Ricardo Carvalho Calero.

O Consello da Xunta declara Área Rexurbe o barrio de Ferrol Vello

Te puede interesar