O concurso Carmela Loureiro abre o prazo de entrega de microrrelatos, micropoesía e microteatro

As persoas interesadas dispoñen de 30 días hábiles dende a publicación da convocatoria para presentar os textos
O concurso Carmela Loureiro abre o prazo de entrega de microrrelatos, micropoesía e microteatro
As inscricións pódense realizar presencialmente no Concello de Ferrol ou en liña | EMILIO CORTIZAS

Na xornada do mércores, o BOP publicaba a convocatoria, co correspondente prazo de presentación, do certame literario Carmela Loureiro, que nesta edición premiará cunha tablet aos gañadores das tres categorías: microrrelatos, micropoesía ou microteatro. Do mesmo xeito, no caso de que o xurado estime oportuno conceder algún accésit, tamén se entregará un libro electrónico a cada un dos afortunados.


O nome deste concurso rende homenaxe a unha profesora da comarca que foi presidenta da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística –CENL– de Ferrolterra, por constituír un exemplo da dedicación de moitos profesionais do ensino que traballaron na difusión da cultura e o galego entre os mozos. Neste sentido, o certame Carmela Loureiro nace co obxectivo de potenciar un maior uso da lingua entre as xeracións novas, por medio da creación de espazos de uso como pode ser esta proposta.


Os participantes deberán ser alumnos ou alumnas dalgún centro de ensino non universitario do concello de Ferrol ou daqueles da comarca que formen parte da CENL, sempre que estean matriculados nos cursos correspondentes a cada categoría.

 

Requisitos

En primeiro lugar, aqueles que se presenten á modalidade de microrrelatos deberán elaborar un texto que non poderá superar as 150 palabras e terá que comezar polo seguinte texto: “Lembro unha noite de vrao”. Nesta sección dispóñense catro categorías distintas: para 5º e 6º de Primaria; 1º e 2º da ESO; 3º e 4º da ESO; e Bacharelato e ciclos formativos.


Estas serán as mesmas no caso de optar pola micropoesía, coa diferenza de que os traballos non poderán exceder os seis versos. En cambio, a modalidade de microteatro soamente se dirixe ao alumnado de Bacharelato e ciclos, agrupados nunha única categoría. Nesta sección, os concursantes deberán escribir un texto dramático de 600 palabras como máximo, incluíndo os nomes dos personaxes e anotacións.


O prazo de presentación de solicitudes, tanto polo rexistro xeral como pola vía electrónica do Concello, é de 30 días hábiles dende o día seguinte á publicación no BOP. Neste documento poden atoparse máis detalles, así como nas bases reguladoras, no taboleiro de anuncios da web municipal. 

O concurso Carmela Loureiro abre o prazo de entrega de microrrelatos, micropoesía e microteatro

Te puede interesar