O Concello de Ferrol asegura que a celebración do Enterro da Sardiña será como todos os anos

O Concello de Ferrol asegura que a celebración do Enterro da Sardiña será como todos os anos
Ultramar Enterro da Sardiña

A celebración do Enterro da Sardiña do barrio de Ultramar co que cada ano se pon o colofón ao Entroido ferrolá non corre ningún perigo de desaparecer. O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, asegurou que a cita se celebrará como todos os anos. Respondeu así ao escrito feito público pola AVV Ultramar no que a entidade lamentaba que, a estas alturas, e a pesar de ter solicitada a reunión desde hai tempo, o concelleiro non os recibira aínda “para saber que vai pasar coa celebración do Enterro da Sardiña”.

O comunicado, suscrito tamén polas comparsas da comarca (Os Trastos, Semente de Trasancos, Paso a Paso, Ampa Colexio Belén, Argalleiros, Vide Vindo, A Revolta, Os Tiquismiquis, Xa imos chegando, Os Colludos, A Canteira, Tróupele Tróupele, Os Parrandolos, As Xoaniñas de Chao e Xente de aquí e acolá), indica que tras varios rexistros e chamadas solicitando a reunión urxente, “xa que a estas alturas xa tiña que estar todo pechado e oficializado”, din, a organización conseguiu que “por fin” lles deran unha cita, á que o concelleiro “non acudiu nin avisou da anulación”.

O propio Golpe comentou onte que foi un “percance de salud” o que impediu o encontro, e manifestou que “no hay ningún veto, ningún problema, y vamos a tratar el Entierro de la Sardina”, dijo. Informou ademais que hai uns días tivo unha reunión coa coordinadora de comparsas que derivou na modificación da normativa que tiña prevista o goberno local coa finalidade de atender as demandas dos propios grupos.

O Concello tiña intención, apuntou Golpe, de introducir algún cambio, como a concentración dos cartos destinados aos participantes en tres premios, concentrando así cantidades máis elevadas en menos premios. Porén, as formacións decidiron manter o reparto habitual para conceder cantidades iguais a todos os grupos, modificándose así a proposta.

O responsable da área de Cultura do executivo ferrolán dixo que a única cuestión “que se nos plantea es que es una nominativa, por lo que hay que hablar con Intervención y solucionarlo”.

No escrito da AVV Ultramar, tanto a entidade como as comparsas lamentan a “falta de respecto” do concelleiro tanto por non ter recibido á asociación como por non ter solucionada, a estas alturas, a celebración do Enterro da Sardiña.

Unha festa que, tal e como indican, si contaron co apoio e o respaldo do anterior edil, Suso Basterrechea, contribuíndo ao rexurdimento da cita.

BNG
O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol aludiu tamén onte a este tema para instar ao goberno local a “desbloquear” a celebración, censurando “as trabas que lle está a poñer a AVV de Ultramar de cara a facilitar a celebración do tradiconal Enterro da Sardiña”.

O grupo político entende que o goberno municipal “non pode negarse a abrir e manter” canles de diálogo co movemento veciñal e máis cando se trata de contribuír a desenvolver unha actividade que beneficia ao conxunto da sociedade. Considera así mesmo o BNG que o goberno local do PSOE “igual que ten aprobado a sinatura de convenios nominativos con entidades que gozaban dunha boa saúde económica, non debería ter reparos e asinar o que corresponde para a celebración desta actividade”, manifestaron nun comunicado.

O Concello de Ferrol asegura que a celebración do Enterro da Sardiña será como todos os anos

Te puede interesar