O Centro Sociocomunitario de Ferrol despide un curso no que se revitalizou a actividade

O Centro Sociocomunitario de Ferrol despide un curso no que se revitalizou a actividade
As exposicións cos traballos realizados polos alumnos dos cursos poden verse desde o exterior | j.m.

O Centro Sociocomunitario de Ferrol, nos números 1 a 7 da rúa Rochel, na confluencia coa Real (praza de España), despide hoxe o curso cunha festa que celebrarán pola tarde nas instalacións. Ademais, están expostos de cara aos viandantes, nas fiestras do edificio, os traballos do alumnado das clases de debuxo e pintura impartido por Hedi Ploegstra e das de repuxado en coiro das que se encargou Fina Taibo.

A actividade aínda continuará ata finais de mes pero ponse así o peche a un semestre cheo de propostas nun ano no que se recuperou a asistencia ás actividades, despois do parón da pandemia, con grande afluencia a partir sobre todo do segundo trimestre.

Boa parte das persoas que acoden a este centro son pensionistas pero, como centro sociocomunitario dependente da Consellería de Política Social e Xuventude, o acceso é libre a calquera persoa maior de 16 anos. Esta vertente, máis descoñecida, quérese potenciar para que poidan empregar este espazo e acudir ás actividades que se propoñen xentes de todas as idades. A partir de setembro retomaranse os cursos coa intención de que poidan chegar a un sector máis amplo da poboación.



Cafetería e biblioteca


O centro ten unha cafetería que nos meses de xullo e agosto –así como os festivos do resto do ano– abrirá de luns a venres, de 10.30 a 12.30 e de 17.00 a 20.00 horas. Fóra deste período estival, de luns a sábado atende de 10.00 a 12.30 e de 16.30 a 20.00. Os prezos están subvencionados, ao igual que os dos servizos de perrucaría ou podoloxía, que tamén pode solicitar calquera persoa maior de 16 anos. Ademais, dispón de biblioteca con sala de lectura.

Ao longo deste semestre leváronse adiante diferentes actividades, entre as que se atopan as xa citadas de debuxo e pintura e repuxado en coiro, ademais de propostas de benestar físico como pilates, ximnasia de mantemento e ioga. Tamén se realizaron cursos para exercitar e potenciar a memoria e de alfabetización dixital para poder desenvolverse coas tecnoloxías actuais. 

O Centro Sociocomunitario de Ferrol despide un curso no que se revitalizou a actividade

Te puede interesar