Carlos Blanco | “Domingo Villar era un dialoguista moi brillante e Síbaris é unha comedia negra moi divertida”

Carlos Blanco | “Domingo Villar era un dialoguista moi brillante e Síbaris é unha comedia negra moi divertida”
Blanco, agochado á esquerda, interpreta ao escritor Víctor Morel | xurxo mariño

Para Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1959), a representación de “Síbaris” é moi especial: o autor, Domingo Villar, era o seu amigo e con el pasou horas preparando a súa posta en escena.

 

A representación de “Síbaris” é unha débeda que tiña vostede con Domingo Villar?

Eu non tiña ningunha débeda con Domingo, foi Domingo quen veu a min, quen me buscou, así que non o entendo como tal. En realidade, cando el morre xa tiñamos claro montala, producila e mesmo el quería actuar na función. En todo caso, pedinlle permiso á viúva, falei con ella e pregunteille: “Bea, que facemos?” Pero, se son sincero, non o calificaría como débeda porque a representación era un acordo entre os dous: gustábame o texto, pareceume un privilexio que me escollese a min para facelo, para ser o protagonista, e a partir de aí durante varios anos fómolo perfilando. Ao fin e ao cabo, Domingo era un escritor moi consagrado como novelista, pero un dramaturgo novel.

 

E que lle parece Domingo Villar dramaturgo?

“Síbaris” é unha comedia negra, moi divertida, moi áxil... Domingo era un dialoguista moi brillante e, cando a lin por primeira vez, levoume a Woody Allen, non puiden evitalo, e eu admiro moito a Woody Allen. Gustoume moito porque é comedia moi urbana, de tempo actual. Pareceume algo moi divertido de facer. Iso si: cando a lin pareceume longa, pedinlle que a recortase un pouco ou que lle dese un pouco máis de cancha á muller do protagonista, e así o fixo. Aínda así, o meu fillo –que é o director– e mais eu recortamos algo para que a función durase hora e media exacta. Parecíanos que máis tempo ca iso era demasiado.

 

Levaba moito tempo traballando na obra co autor?

Si, levabamos anos dándolle voltas porque nos cadrou a pandemia polo medio e entón todo se demorou. Levabamos tres anos traballando no asunto. Eu tiña moito lío, estaba rodando unha serie tras doutra sen parar, os espectáculos con Touriñán, e dicíalle: “Domingo, agora non me podo meter con isto”. Estabámolo perfilando, tampouco era ningunha urxencia, nin para el nin para min: el estaba con outras cousas, outros proxectos, coa serie de Leo Caldas... E, mentres tanto, iámonos vendo e traballando: el veu varias veces a Galicia, eu fun varias veces a Madrid, comimos unha vez na Illa, fixemos incluso unha lectura do texto con Belén (Constenla), que para min estaba claro que ía ser a protagonista conmigo, con Osvaldo, en presenza do meu fillo Lois, que desde o primeiro momento quería que fose quen dirixise a función. Fixemos tamén unha lectura con Claudio Tolcachir, director arxentino co que estaba traballando, para que nos dese opinión e nos orientase un pouco. Tivemos moito tempo para perfilala e para traballala, e iso tamén axuda a que a función sexa máis redonda.

 

Que sensacións lle deixa o feito de representar unha comedia dun amigo que morreu prematura e inesperadamente?

Convértese nunha homenaxe. De feito, a función concibímola así, e o público de Narón, igual que o resto dos públicos que visitaremos, vai ver unha imaxe de Domingo proxectada sobre o telón antes de comezar a función. Eu sentino así, e creo que os compañeiros igual. É unha homenaxe a Domingo. Foi moi bonito recibir aínda esta semana un whatsapp da viúva, Bea. Despois da estrea en Vigo puiden falar con ela e coa familia e vinos moi contentos. Eles coñecían ben a obra e vírona representanda, ben feita, cunha escenografía espectacular, cunhas luces marabillosas, cunha música incrible en directo de Pablo Novoa, que é un elemento fundamental na función: o gran músico de Golpes Bajos, o que vai con Iván Ferreiro e con Mastretta, o líder da banda de “Leit Motiv”... Fai un pequeno papel e logo toca en directo todo o tempo: creou músicas preciosas para a función e é un luxo telo con nós. Todo ese equipo, moi complicado de mover e sen axudas públicas, fixo todo con moita calma, con tempo e con cariño. Cociñámolo ben: chegamos seguros e serenos á función porque sabemos que temos hora e media de diversión.

 

As palabras da viúva xustifican por si mesmas o traballo feito?

Si. Un non fai isto para recibir estas mensaxes, pero agradécense un montón porque pensas que acertaches. Aínda que fixemos algunhas modificacións e retocamos algunhas cousas (recurtamos algo de texto), todo iso estaba pactado con Domingo e, en realidade, todo o que fixemos foi a favor de obra para axudar á función. Agradécese moito, pero, de todos modos, o máis bonito para min foi ver por dúas veces o teatro Afundación de Vigo cheo ata a bandeira posto de pé, e iso gárdalo no corazón, emociónate moito. Eu vin o meu fillo Lois chorando da emoción. El ten dirixido outras cousas máis pequenas, como “Rastros”, de Vidal Bolaño, pero esta é a súa primeira dirección grande e vino tan emocionado, foi tan emocionante para min velo a el feliz, que toda esta función ten cousas moi especiais, é unha función moi familiar, chea de cousas bonitas para todos.

 

Está xa nese momento en que pode elixir todo o que fai?

Espero que non soe mal o que vou dicir, e dígoo con toda a modestia, pero eu hai moitos anos que elixo o que fago. Moitos anos que digo que non ao que non me interesa facer, e iso é grazas aos monólogos. Se me ofrecían algo que non me interesaba, simplemente dicía que non e xa está, porque os monólogos eran os que me daban de comer. O que sucede agora é que me dan papeis máis grandes, non protagonistas, pero si máis grandes, e iso está moi ben porque tes máis tempo de desenvolver o traballo e de estar en contacto co teu personaxe. É verdade que é moito máis intenso –este verán foi unha maratón–, pero sarna con gusto non pica e ogallá isto se manteña no tempo. 

Carlos Blanco | “Domingo Villar era un dialoguista moi brillante e Síbaris é unha comedia negra moi divertida”

Te puede interesar