O Campus Industrial organiza a súa primeira Xornada do Téxtil xunto a Cointega e Texfor

O Campus Industrial organiza a súa primeira Xornada do Téxtil xunto a Cointega e Texfor
A xornada terá lugar este venres no salón de actos do Campus de Ferrol

O sector do téxtil, tan importante no texido produtivo da comunidade galega e moi presente no Campus Industrial de Ferrol desde hai uns anos coa implantación do Grado en Xestión Industrial da Moda que se imparte na Facultade de Humanidades, será obxecto de análise este venres en Esteiro.

O salón de actos Concepción Arenal será escenario da I Xornada do Téxtil organizada polo Campus Industrial de Ferrol coa colaboración da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega) e a Confederación Industria Téxtil (Texfor). Está previsto que no acto de apertura participen o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, o presidente de Cointega, José Antonio Conde, e a responsable de Innovación en Texfor, Anna Ribé.

A actividade comezará ás 9.45 horas coa primeira das mesas redondas. titulada “Exemplos de éxito empresarial” na que intervirán o fundador de elPulpo, José Antonio Chacón, a directora de Deseño e Fabricación en JEVASO, María Vázquez Mosteiro, e a responsable de Dirección de Arte en Bran Serigrafic, Luisa Candal.

A segunda, titulada “Cadea de Subministración”, empezará ás 11:00 horas e contará coa participación do responsable da Dirección de Innovación en Selmark, Diego Piñeiro, do fundador e CEO de BIONIX Supply Chain Techonologies, Jacobo Penide, e do responsable de Sustainability & Supply Chain Manager en Kusilas, Carlos Sánchez.

A moda sostible centrará a terceira (12.30 horas) e contará coas intervencións de CEO de Augusto Bellini, Pepe Costa, o xerente de Insertega, Juan Meijide, o coordinador xeral da Fundación Taller de Solidaridad, Rafael Veiga, e o director de Marca en Ecolife by Belda Llorens. A conferencia de Anna Ribé, responsable de innovación en Texfor, que abordará o programa Smartx para impulsar a innovación de téxtiles intelixentes; e a intervención da directora do Campus Industrial, Ana Ares, que afondará nas potencialidades do Campus ferrolán, completarán o programa.

As persoas interesadas en participar na xornada terán que reservar a súa praza chamando ao 881 01 3621 ou ben enviando un correo electrónico cos seus datos a comunicacion.campus.industrial@udc.gal antes das 14:00 horas do xoves 28 de abril. O aforo é limitado e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. 

O Campus Industrial organiza a súa primeira Xornada do Téxtil xunto a Cointega e Texfor

Te puede interesar