O Camiño Inglés finaliza o primeiro Ano Santo con case 11.000 peregrinos

O Camiño Inglés finaliza o primeiro Ano Santo con case 11.000 peregrinos
Ao longo do ano realizáronse numerosas iniciativas para darlle vida ao Camiño, como a ruta “Viñetas no Camiño”, á que corresponde esta imaxe | jorge meis

O ano 2021 foi o da recuperación do Camiño Inglés como ruta cara a Santiago de Compostela logo dos efectos da pandemia de coronavirus en 2020. Lonxe do que cabería esperar dun Ano Santo e das expectativas creadas despois dun 2019 que batera con todos os récords, as esperanzas están agora postas no 2022. O Vaticano, en vista da situación sanitaria, prolongou excepcionalmente o Ano Santo (que coincide cando o 25 de xullo, día de Santiago, é domingo), e a esta etiqueta se encomendan agora os esforzos turísticos.


A cidade de Ferrol pechou 2021 sendo o punto de partida para 10.455 peregrinos, de xaneiro a decembro. Nesta ocasión só houbo un mes sen camiñantes, febreiro, en plena ola de coronavirus. Se se suman as persoas que fixeron o traxecto desde A Coruña (as menos), o número total de turistas que empregaron a ruta foi de case 11.000 (10.856).


Estes datos case cuadruplican os números que a duras penas se conseguiron en 2020, cando saíron desde Ferrol 2.831 persoas, e en todo o Camiño Inglés, 2.915. Porén aínda non alcanza a situación previa á pandemia no seu conxunto. Si o fan algúns meses se se miran aillados. É o que pasa con setembro, outubro e novembro, cando a Oficina do Peregrino, dependente da Catedral de Santiago, rexistrou na recollida da credencial, máis camiñantes procedentes de Ferrol que os que houbera en 2019.


Os números que faltaban por facer eran os de decembro pero non aportan variacións significativas, posto que o tránsito foi moi pequeno. Houbo 64 persoas que empezaron a andar cara a Santiago desde o peirao ferrolán. O ano 2020 non houbera ningunha pero en 2019 foran máis, 129.


Ferrol é así, no mes que acaba de rematar, o cuarto punto de partida preferido polos peregrinos, despois de Sarria (371 camiñantes), Tui (108) e Saint Jean Pied de Port (81). O Camiño Inglés, pola súa parte, é o terceiro máis utilizados, por detrás do Francés (que tivo 691 peregrinos en decembro, segundo os datos da Catedral) e do Portugués (con 229). Detrás do Inglés sitúanse o Camiño Portugués da Costa, o Primitivo, Vía da Prata, Camiño do Norte e outros.


O mellor mes, agosto

Os meses de verán son os que teñen maior concurrencia de peregrinos, tanto pola situación vacacional como polo bo tempo que permite camiñar sen tantos contratempos. En agosto houbo 2.959 camiñantes que saíron de Ferrol. Foi no que máis xente houbo, seguido por xullo, con 2.101, e setembro, con 1.996. Os de menor afluencia son o xa citado febreiro, cando non chegou a Santiago ninguén que informara ter saído da cidade naval; xaneiro, con cinco persoas; e marzo, con 25.


Ademais do inverno, os comezos de ano coincidiron cunha vaga de coronavirus moi forte en Galicia, que foi de feito a peor da pandemia, o que repercutiu na mobilidade –que estivo prohibida entre concellos durante semanas– e tamén nas pernoctas. De feito os albergues estiveron pechados e só foron reabrindo despois de que reanimou a actividade hostaleira privada.


O Ano Santo que comeza trae con el novos retos e a posibilidade de poder aproveitar, agora si, as posibilidades da ruta, aínda que empeza tamén no medio dunha onda pandémica. Unha das incógnitas que se presentan é se poderá Ferrol ter un albergue durante 2022.

O Camiño Inglés finaliza o primeiro Ano Santo con case 11.000 peregrinos

Te puede interesar