As Letras Galegas adiántanse na comarca con moita música popular antes do sábado

Algunhas entidades que collen vantaxe, como pasa este mesmo mércores en Ares, tamén seguen despois da data
As Letras Galegas adiántanse na comarca con moita música popular antes do sábado
As pandereteiras da Agrupación Instrutiva de Caamouco compartirán escenario nunha sesión vermú co grupo As Pías | CEDIDA

O Día das Letras Galegas deste ano, que, aínda que se personifica en sete cantareiras, se dedica á poesía popular oral, propicia  especialmente que unha infinidade de entidades queiran celebrar este logro colectivo. Algunhas propostas adiantáronse ao sábado, 17 de maio, como a que realiza o venres a biblioteca municipal de Ferrol, de 11.30 a 13.30 ou de 17.30 a 19.30 horas.


Neste caso, Iria Pérez Muíño será a protagonista dos “Instantes literarios” que se organizan na entrada do centro, desta volta baixo o nome de “Achégate ao mundo das cantareiras”.


O programa do Concello de Ares comezou o luns cunha actividade destinada aos participantes do obradoiro de memoria e continúa hoxe, ás 18.30 horas na biblioteca, cun taller para nenos e nenas a partir dos seis anos. A propósta titúlase “Superlectoxs: deseñamos a nosa bolsa de libros” e precisa formalizar inscrición a través da web municipal.


Entre os actos desta localidade tamén estaba a presentación da obra “O practicante rural”, do mugardés Xoán Rubia, que finalmente tivo que ser adiada, e o propio sábado, 17 de maio, terá lugar a I Festa Popular na Praza da Constitución. Neste encontro haberá tapas de culler, rap improvisado en galego, disco móbil e actuacións como Trouleada de Ares ou as Cantareiras de Airiños do Eume. Despois do Día das Letras, o xoves 22 ás 18.30 na biblioteca, despedirase a celebración co espectáculo de Migallas Teatro “Brincadeiras da Lingua”.


No mesmo municipio, o CIRS de Cervás acolle hoxe, ás 19.30, a presentación do libro-disco de Xabier Díaz, no que non poderá faltar algunha cantiga, “Cancioneiro galego serodio”. O venres a partir das 17.00, realizarase unha actividade principalmente dirixida aos pequenos: a elaboración dun mural con motivos relacionados coa música tradicional.


O domingo 25 terá lugar o día grande, que arrancará coa sesión vermú ás 13.00, a cargo da escola de pandereteiras da Agrupación Instrutiva de Caamouco e o grupo folk As Pías, e incluirá un xantar a prezos populares, con inscrición previa na cantina. Para rematar, o sábado 31, dende as 19.30, Xosé L. Rivas “Mini” ofrecerá unha viaxe pola música tradicional.


En San Sadurniño, o cantante  e recuperador da cultura oral galega Xisco Feijoó propón o espectáculo participativo “Traede ferrallada”, o venres a partir das 18.30 horas na praza Ramón Díaz Graña, ou na Casa da Cultura se chove. O vindeiro día 23, A Xanela do Maxín ofrecerá o espectáculo multidisciplinar “Dende Rosalía ata as cantareiras”, ás 10.30 na biblioteca, e ás 18.30 na Casa da Cultura, proxectarase o filme de Fernando Cortizo “O Apóstolo”.


O Concello de Cabanas conmemora as Letras Galegas o venres, dende as 17.30 horas no parque do Areal, con Marta Ortiz e o seu “Onde nace a lingua”, a actuación de Gargallada e unha merenda.


Onte estreouse a celebración nas Pontes, que segue mañá coa sesión a cargo da Xanela do Maxín, para nenos a partir de 3 anos, ás 18.00 na Casa Dopeso. Despois, ás 19.00 no Cine Alovi, o conservatorio local dará un concerto e o mércores 21, as citas despediranse coa charla de María Lado “Arredor das Letras Galegas”, ás 20.00 na biblioteca. 

As Letras Galegas adiántanse na comarca con moita música popular antes do sábado

Te puede interesar