Irene Rodríguez Ríos, unha das alumnas do mestrado en Exeñaría de Deseño Industrial, e Arlene Dámera Figueredo, que cursa o máster de Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, veñen de acadar as bolsas de verán ofertadas polo Campus Industrial de Ferrol para o curso 2024/25. Ambas comezaron o pasado 1 de xullo un período de prácticas que se prolongará ata o 30 de setembro.
Irene Rodríguez está levando a cabo unha investigación integral acerca da evolución das técnicas de representación dixital ata as posibilidades actuais que aporta a intelixencia artificial en canto á xeración de imaxes. Estudará a influencia destas técnicas na creatividade e na súa aplicación en contextos educativos e profesionais, e en colaboración coa integrante do grupo de Investigación en Historia da Arquitectura da Universidade da Coruña, Cristina Prado Acebo, buscará enriquecer os contidos e difundir os resultados.
Por outra banda, Arlene Dámera está a realizar un proxecto baseado na produción sostible de hidróxeno verdes mediante fontes renovables –fundamentalmente enerxía solar e eólica mariña– cuxo obxectivo base é a identificación de puntos críticos na cadea de produción e a proposta de estratexias para a mellora ambiental. Traballa con Laura Castros Santos, investigadora do grupo Materiais and Renewable Energy for Engineering, Environment and Sustainability (Mares) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (Citeni).
Esta III convocatoria de Bolsas de Verán do Campus Industrial de Ferrol está destinada ao estudantado matriculado no último curso —tanto de grao como de máster— de calquera das titulacións que se imparten no campus, e ten como finalidade principal a incorporación do alumnado ao traballo diario do persoal e dos grupos de investigación que desempeñan a súa labor nos seus diversos ámbitos