A aportación do Toxos á cultura chega a Pontevedra con “Sons de Galicia”

A aportación do Toxos á cultura chega a Pontevedra con “Sons de Galicia”
Teatro Jofre. Aniversario del Toxos e Froles

A relevancia do Toxos e Froles na cultura ferrolá e galega do último século é unha realidade aceptada e plenamente estendida entre a sociedade. A súa traxectoria está inzada de fitos que, canda outras agrupacións da mesma natureza, forman parte xa do acervo cultural do país. 

Consciente desa importancia, o Consello da Cultura Galega formulara hai perto de catro anos un proxecto para pór en valor o inmenso contributo dos coros nacidos nos primeiros anos do século pasado. Foi de aí de onde xurdiu “Son de Galicia”, unha mostra itinerante que, tralo seu paso pola Coruña, Ferrol e tamén Ourense, inaugúrase mañá na Casa das Campás de Pontevedra, localidade na que Perfecto Feijoo fundara o pioneiro Aires da Terra en 1883.

A exposición recolle a contribución deste tipo de formacións á cultura galega a través dun conxunto de materiais –gráfico, vestimenta, sonoro etc.–, máis representativos da traxectoria dos catro coros históricos que permanecen activos: o Toxos e Froles, Cántigas da Terra, De Ruada e mais Cantigas e Agarimos. Eles catro desenvolveron un labor crucial para o asentamento da identidade galega, como recoñeceu Rosario Álvarez, a presidenta da entidade organizadora, o Consello da Cultura Galega, na presentación do proxecto. 

Álvarez será a encargada de inaugurar esta tarde a mostra na cidade do Lérez, onde permanecerá aberta até o vindeiro 5 de setembro. O comisario da exposición, Miguelanxo Seixas, e o responsable da área de extensión cultural da Universidade de Vigo, Manuel Morquecho, tamén intervirán no acto.

Un modelo que se exportou
Aínda que foi a pontevedresa Aires da Terra a primeira agrupación deste tipo, non foi até a fundación do Toxos cando os coros tomaron a forma que faría deles auténticas institucións, cunhas cualidades que sobardaban a faciana folclórica.

Arturo Lamas, presidente do Toxos, sinala que os catro coros protagonistas do proxecto “Son de Galicia” impulsado polo Consello da Cultura Galega “compartiron uns obxectivos moi concretos, de recuperación do noso folclore e de compromiso coa cultura do país”, sobre todo nas vilas nas que se fundaron e que estaban comezando a experimentar unha fonda transformación sociolóxica desde o rural cara ao urbano.

Con todo, o coro ferrolán si presenta unha serie de particularidades que o diferencian do resto. “En primeiro lugar, hai que dicir que o Toxos foi fundado antes das Irmandades da Fala, algo que non aconteceu cos outros, polo que dalgún modo serviu de modelo para os que viñeron despois e mesmo inspirou a propia creación das mesmas”. 

Ese modelo, explica Lamas, “tería como características principais a formación dun coro, dun grupo de teatro ou declamación que no caso noso tivo unha importancia enorme; o traxe galego, a lingua, que se empregaba en todo canto se creaba, incluídas as obras de teatro, e o seu carácter expansivo”, xa que, lembra, actuou por toda Galicia.

A aportación do Toxos á cultura chega a Pontevedra con “Sons de Galicia”

Te puede interesar