O alumno do Campus José Zar Varela obtén un dos premios da Fundación Justicia Social

A cerimonia de entrega do galardón, pola que disporá de colexiatura de balde un ano, celebrouse en Madrid
O alumno do Campus José Zar Varela obtén un dos premios da Fundación Justicia Social
O estudante no seu centro, a Facultade de Ciencias do Traballo | Cedida

José Zar Varela, estudante na Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol, vén de recoller o oitavo premio á excelencia académica que concede a entidade madrileña Fundación Justicia Social. Este recoñecemento deriva do seu Traballo de Fin de Grao, no que obtivo Matrícula de Honra.


Esta cualificación que conseguiu no proxecto final do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, baixo o nome de “A regulación da relación laboral especial dos penados nas institucións penitenciarias”, permitiulle optar aos galardóns.


O alumno presentou e defendeu o seu traballo durante o curso pasado, coa titorización do profesor da Universidade da Coruña, José López Coira. Actualmente, Zar Varela continúa no mesmo centro, a Facultade de Ciencias do Traballo, onde está a cursar o máster en Xestión e Dirección Laboral.


A Fundación Justicia Social repartiu estes premios á excelencia académica nun acto que tivo lugar a finais do pasado mes de setembro na sede do Consejo General de Colegios de Graduados Sociales de España, en Madrid.

 

20 estudantes de 18 universidades


Á marxe deste graduado, Zar participou no certame xunto a outros 20 estudantes procedentes de 18 universidades españolas, tanto de titularidade pública como privada, que obtiveron Matrícula de Honra nos seus respectivos Traballos de Fin de Grao. Unha vez extraídos os resultados do certame, estes concluíron adxudicando a oitava posición ao estudante do Campus Industrial.


O premio recibido por Zar Varela consistiu nun cheque por valor de 100 euros, un trofeo e tamén un exemplar dun libro, no que se recompilan algúns dos oito proxectos seleccionados do curso 2023-2024.
Así mesmo, os estudantes que resultaron galardoados poderán beneficiarse dunha colexiatura gratuíta durante un ano.


O xurado encargado da deliberación, valorou o traballo final de Zar polo seu “alto nivel de calidade”, segundo concretaron dende a Fundación Justicia Social, dun proxecto que trataba de afondar nas relacións laborais especiais que presentan as persoas penadas nos diferentes obradoiros de inserción laboral.
En canto ao estudo dos usuarios destes talleres, que se adoitan convocar dende os propios centros penitenciarios, o alumno tamén focalizou nas carencias que existen e recolleu no texto propostas lexislativas con vistas á mellora da regulación actual. 

 

Catro titulacións na cidade sobre relacións laborais

 

A Facultade de Ciencias do Traballo, localizada no Campus Industrial de Ferrol, imparte un total de catro formacións, entre as que se atopan as modalidades de grao, máster e doutoramento. En primeiro lugar, comezando polo nivel inferior, dispóñense as Relacións Laborais e Recursos Humanos, que levou a José Zar Varela a obter o premio. 

 

No centro tamén se poden cursar dúas clases de másteres universitarios, Xestión e Dirección Laboral na Especialidade de Recursos Humanos, e Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns. Do mesmo xeito, tamén se pode realizar o doutoramento en Relacións Laborais e RRHH.

O alumno do Campus José Zar Varela obtén un dos premios da Fundación Justicia Social

Te puede interesar