Abalde: “O Campus Industrial estase a converter nun referente”

Abalde: “O Campus Industrial estase a converter nun referente”
Imaxe da sesión ordinaria do Claustro na que o reitor presentou a Memoria de Xestión I UDC

O desenvolvemento desde hai varios anos do proxecto de especialización do Campus Industrial de Ferrol veu supoñer unha importante revitalización dun espazo académico “que agora mesmo se está a converter nun referente”. Así o destacaba hai uns días o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, na sesión ordinaria do Claustro na que presentou a Memoria a oitava Memoria de Xestión do seu equipo de goberno, aprobada con 68 votos a favor, 12 abstencións e dous votos en contra.


Na súa intervención, puxo en valor, entre outras cousas, a concesión, a comezos deste ano, do galardón de “Ferrolán do ano” por parte do Concello de Ferrol para o Campus Industrial, un recoñecemento que, segundo Abalde, confirma a potenciación do mesmo nos últimos anos –cómpre lembrar que foi o primeiro acreditado do sistema universitario galego–. 


Cualificou así mesmo como “un fito” a creación da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), que desde o curso actual acolle toda a docencia impartidas nas antigas Escola Universitaria Politécnica (situada en Serantes) e na Escola Politécnica Superior de Esteiro, transformada agora na nova escola.


Edificio de Investigación.

“Estamos convencidos, á vista dos resultados, de que a EPEF está chamada a se converter no centro de referencia de enxeñaría de Galicia e que se verá potenciado co futuro Edificio de Investigación e Innovación na Industria (EI3) iniciado no pasado ano cun acordo coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, polo que a Xunta de Galicia financia con preto dun millón de euros a elaboración do proxecto do edificio”, afirmou.


O novo centro estará ubicado nunha parcela do barrio de Esteiro adquirida pola institución académica ao Ministerio de Defensa. Albergará laboratorios de investigación relacionados con áreas como a robótica industrial, materiais, optimización de procesos industriais, enxeñaría naval e offshore, xestión industrial e desenvolvemento do produto.


O reitor, que aproveitou ao remate da sesión para agradecer aos claustrais “a complicidade nestes oito anos en que sempre houbo colaboración e traballo conxunto para mellorar a Universidade da Coruña”, dixo, referiuse á recuperación da normalidade logo da pandemia e a nova sacudida que para a orde internacional supuxo a guerra de Ucraína. “Como o resto da sociedade, quedamos profundamente afectados e inmediatamente nos puxemos en disposición de axudar e paliar, na medida das nosas posibilidades, os tráxicos efectos desta guerra. Así preparamos un plan de axudas para que o alumnado universitario procedente de Ucraína puidese continuar os seus estudos na nosa universidade”, manifestou.


Centro Mixto do Naval

O deseño do Plan Estratéxico 2022-2026; o plan galego de financiamento para o sistema universitario galego, “que mellora na súa parte estrutural respectos dos anteriores”, o incremento do orzamento e as contas saneadas ou a creación do Centro Mixto de Investigación (CEMI) UDC-Navantia “O estaleiro de futuro”, que permitirá seguir avanzando nas sinerxias entre o ámbito académico e industrial no ámbito do sector naval o de estaleiro 5.0.


A importante captación de talento, a constitución do consorcio estratéxico internacional universitario Emerge ou a elección da cidade da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia) foron outros dos aspectos valorados polo reitor no marco da memoria de xestión.
Na mesma sesión, a Valedora Universitaria, Ana Tarrío, deu conta da súa actividade no curso 2021/22, no que atendeu 159 casos. Destes, 99 foron consultas (o 85% do estudantado e relacionadas sobre todo coa temática e criterios de avaliación de exames) e 60 queixas, a maior parte tamén do estudantado, sobre organización e actividade docente, de acceso, taxas e xestión académica e de infraestruturas e funcionamento dos servizos. 

Abalde: “O Campus Industrial estase a converter nun referente”

Te puede interesar