O Día dos Museos conmemórase no concello de Fene coa oferta dunha actividade de balde, aínda que precisa inscrición previa, que terá lugar este xoves, de 18.00 a 20.00 horas no Xaquín Marín. Trátase dun obradoiro de cómic, que se ocupará de impartir o debuxante e autor de banda deseñada Cristian F. Caruncho.
Un dos traballos máis populares deste artista da parroquia de Couzadoiro, en Ortigueira, foi a obra “Saínza a punkiereteira”, no que as súas ilustracións complementáronse cos textos da escritora María Canosa, de Cee. Precisamente, os participantes aprenderán a crear o seu propio cómic a partir do traballo con esta personaxe, que o ano pasado foi reinterpretada por Cristian F. Caruncho xunto a Lidia Cao, para protagonizar un mural que da a benvida ao seu concello.
As persoas interesadas en apuntarse a este obradoiro, que está dirixido a calquera idade a partir dos sete anos, poden facelo enviando un correo electrónico a museodohumor@fene.gal. Existen un total de vinte plazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.Na mensaxe deberán figurar o nome e apelidos, a idade e un teléfono de contacto.
Cristian F. Caruncho formouse como ilustrador na EASD Pablo Picasso e como historietista no Garaxe Hermético. Despois de autoeditar “Historias de Regho Torto” e ser recoñecido pola primeira parte de “O home que liberou a fraga”, publicou o seu cómic “Grandarroiba” e realizou o videoclip animado “Semillas”, para o grupo musical Tremenda Jauría e Fermín Muguruza.
Entre os últimos galardóns que recibiu o creador polos seus traballos destacan o primeiro premio Castelao de Banda Deseñada, que entrega a Deputación da Coruña, por “O día de San Martiño” (2023), o Carlos Casares-Kristina Berg ao talento creativo (2020) e o Xuventude Crea da Xunta (2018).