Marrube: “Nos partidos decisivos, as horas de vóo son chave”

Marrube: “Nos partidos decisivos, as horas de vóo son chave”
Marrube, no último partido da tempada I Jorge Meis

Cunha perspectiva máis sosegada logo dunha semana da eliminación do playoff de ascenso a Primeira, o adestrador do Parrulo, Juanma Marrube –Alfoz, 1979–, fai balance dunha boa tempada na que só a falta de acerto no partido de desempate ante o Alzira impediu que puidese estar loitando por un obxectivo se cadra un chisco ambicioso de máis atendendo ao nivel dos equipos da zona alta da categoría.

 

Coa cabeza máis fría trala eliminación, que balance fai da tempada?
Foi boa; para que fora excelente tes que ascender, pero en termos xerais, desde a pretempada a liña de resultados sempre foi moi equilibrada. Ao longo de trinta partidos hai momentos mellores e peores, pero coido que nunca lle perdimos a cara á competición e fomos un equipo moi sólido. Tendo en conta no medio no que viviamos e o nivel dos equipos desta Segunda División, estivemos sempre arriba, en postos de playoff, e dando unha sensación de regularidade (30 puntos en cada volta) e de equipo.

 

Desde fóra dá a sensación de que, se cadra, o obxectivo do ascenso –e partindo de que hai que ilusionar á afección– era un pouco ambicioso de máis, tendo en conta que o Peñíscola estivo a outro nivel e que logo había un grupiño de rivais caracterizados por plantillas máis amplas...
Creo que sempre hai que apuntarlle ao sol, pero quizais era un obxectivo que estaba un pouco por riba das posibilidades reais da nosa plantilla. Temos un grupo de moi bos xogadores, pero, sobre todo nesta recta final, cando en sete días tes que afrontar tres partidos, nótase o fondo de armario de xogadores con experiencia. Hai rapaces que non tiñan minutos na competición e ao final da tempada estiveron xogando por ascender a Primeira. Coincido contigo en que a plantilla era moi boa, demos coa tecla de equilibrar a veteranía coa xuventude, que nos axudou moito, pero neses partidos decisivos as horas de vóo son moi importantes e aí, en comparación mesmo con equipos que quedaron fóra de playoff como Ceuta ou El Ejido, estabamos un pouquiño en inferioridade.

 

E, aínda así, a eliminatoria decídese por algo tan fino como a sorte nun par de accións.
Estamos falando dun gol de diferenza entre pasar de ronda ou non, e pode resultar cruel. Se che pasan por riba ou son moi superiores, ben; pero non foi así e fomos merecedores de algo máis, sobre todo na primeira parte. Cunha Malata espectacular, unha afección identificada co que estaba vendo, tamén creo que se sentan bases de futuro e o xogador, cando se volva ver nunha desas, seguro que vai estar máis preparado e ter ese pouso do que significa xogar un playoff.

 

Cre que parte de afección non acabou de entender algúns aspectos do estilo, como por exemplo o xogo de cinco en diferentes fases do partido?
Iso ten unha explicación moi sinxela. A miña interpretación do 5 para 4 non é estándar; eu concíboo cando se vai gañando, non cando se vai perdendo. Logo, cando xogas cunha plantilla curta en efectivos, ás veces debes ter a iniciativa e xogar ao que nós queriamos e non ao que quixera o rival para provocarlle tamén incertidume. Ás veces é complicado de entender, pero como adestrador tes que optimizar e dar coas teclas adecuadas para igualarte coas virtudes e cualidades dos rivais que no xogo de catro contra catro che van facer dano, sobre todo desde o minuto 30, cando hai un desgaste enorme. Hai que xestionar xogadores, minutos, tamén a mentalidade dos teus e dos rivais, xerar escenarios distintos... e nese sentido coido que lle sacamos moito rédito. A estatística, ademais, di que hai unha porcentaxe moi cativa de remontadas cando se xoga de cinco a falta de tres minutos.

 

Non é vostede o único que pode dar a resposta, pero vai seguir no Parrulo a vindeira tempada?
Os xogadores, corpo técnico e directiva despedímonos a semana pasada e emprazámonos para finais da presente para falar e valorar todo,  e estamos pendendes diso... 

Marrube: “Nos partidos decisivos, as horas de vóo son chave”

Te puede interesar