Valentín García: Os mozos deben sentirse cómodos falando galego en ximnasios e discotecas

Valentín García: Os mozos deben sentirse cómodos falando galego en ximnasios e discotecas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, está convencido de que o problema de que a mocidade de ámbitos urbanos e periurbanos fale menos en galego non é porque non haxa "coñecemento" ou "competencia", polo que cómpre atopar eidos de uso "onde eles se sintan cómodos".


"Desde o ximnasio, aos videoxogos e as discotecas", expón nunha entrevista con EFE, na que indica que o mesmo hai que ter en conta con respecto ao lecer dos nenos matriculados nos colexios, que na clase amosan unha grande destreza pero logo saen aos patios e neles van e exprésanse en castelán.


É por iso polo que hai que traballar no senso exposto, pois "boa atitude" hai e, ademáis, é a xeración "máis preparada para ler e escribir" no idioma propio.


No rural non observa esta situación, pois alí si é preferente o galego, pero a "báscula poboacional mudou dun lado ao outro" e non son tantos xa os raparigos nesa esfera, como sí na das cidades e os municipios limítrofes a elas.


Os esforzos feitos en novas tecnoloxías e contornas dixitais están a notarse, a xuízo deste representante autonómico, pero estas xestións "non son rápidas nin son sinxelas", aínda que se ben levan o seu tempo, hai que velas sempre como "unha oportunidade moi grande".


"Hai que subir ao tren", di o secretario, e profunda nunha idea xa expresada por el mesmo outras veces de que o galego "chegou tarde á televisión, á imprenta e á radio, pero a Internet chegou ao mesmo tempo que o alemán e o francés".


Valentín García gábase de que Galicia teña un día propio, o 17 de maio, para honrar a súa lingua e que o emblema da súa cultura sexa unha muller, a poetisa Rosalía de Castro. Conta que o inglés ten a Shakespeare, o francés a Víctor Hugo e o italiano a Dante, pero "nós a unha muller".


Lembra con emoción o momento no que Norwegian, aerolínea norueguesa, presentou un aparello Boeing coa imaxe de Rosalía de Castro (Santiago de Compostela 1837-Padrón 1885) xa formando parte da súa frota.


Iso é por ser unha cuestión de "máxima relevancia" como, prosegue, o feito de ter un Día das Letras Galegas e facelo festivo, algo inusual. "Non pode haber un día máis destacado que un día festivo. Outros celebran batallas, derrotas; e nós, a nosa lingua", sostén.


Do intelectual Francisco Fernández del Riego, o homenaxeado deste 2023, apunta que a "idea inicial" de festexar a lingua foi súa, así que "canto non merece Paco del Riego as Letras Galegas".


Del subliña o "legado inmenso" que deixou e o seu papel como "construtor da cultura galega actual". É un home "ponte" entre xeracións e ideoloxías que "tendía pontes", manifesta.


E engade: "Moi dialogante, con bo carácter, unha capacidade de traballo inmensa e unha vida moi longa na que traballou ata o final".


Das súas reflexións elixe unha e é esa na que Del Riego deixa ver que el teimou sempre por unha Galicia que non puido ser, pero que lle gustaría que no futuro sí fora posible.


"Xenerosidade absoluta. Nunca se amedrentou. Puido ser derrotado, pero nunca foi vencido. Esta observación é un verdadeiro exemplo de vida", conclúe Valentín García.


O Día das Letras Galegas permite cada ano viaxar a un capítulo da memoria colectiva. Esta vez toca Fernández del Riego, Don Paco, o primeiro fillo dunha extensa familia que naceu en Vilanova de Lourenzá (Lugo) o 7 de xaneiro de 1913 e morreu en Vigo en 2010.


Os restos deste estudoso que de neno xa era un amante da lectura descansan no cemiterio de San Pedro da Ramallosa, en Nigrán (Pontevedra), xunto aos da súa dona, Evelina Hervella. 

Valentín García: Os mozos deben sentirse cómodos falando galego en ximnasios e discotecas

Te puede interesar