A Xunta destinará 35 millóns de euros á economía social por tratarse dunha “forza clave”

A Xunta destinará 35 millóns de euros á economía social por tratarse dunha “forza clave”
Covadonga Toca concluíu que a economía social ten acreditada a capacidade de xerar emprego | cedida

A xornada de difusión “Economía  Social e Emprendemento” tivo lugar onte no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón, onde se destacou o nacemento de 174 iniciativas de negocio no último ano. Ademais, a Xunta subliña o apoio da Consellería de Promoción e Igualdade ao sector, por valor de máis de 35 millóns de euros.


A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou na xornada de onte do Pazo da Cultura, onde afirmou que a economía social constitúe unha “forza clave” do mercado laboral galego, xa que aglutina en total a máis de 7.000 entidades e empresas, así como “representa o 7% do PIB”.


A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade supera en máis do 6% o investimento do ano pasado en apoios ao sector, destinando máis de 35 millóns de euros neste 2022.


Toca fixo fincapé nalgúns dos programas postos en marcha polo departamento autonómico, como son os bonos Consolida ou Es-Transforma, que contan ambos cun investimento de 1,5 millóns de euros cada un.


O primeiro ten o obxectivo de apoiar a transformación dixital e mellora enerxética, mentres que o segundo pretende impulsar a recuperación de negocios en crise ou sen relevo xeracional.


Outra das iniciativas que acentuou a secretaria xeral foi a denominada Aprol Economía Social, que se orienta a fomentar a incorporación de persoas desempregadas e traballadores en activo a cooperativas, ao que se dotou con 3,8 millóns de euros.


Rede Eusumo


Covadonga Toca tamén destacou no evento a iniciativa do goberno galego chamada Rede Eusumo, da que forman parte unha trintena de entidades e que se leva a cabo dende hai máis de dez anos.


O proxecto trata de impulsar as iniciativas de economía social a través dun apoio por parte da Xunta valorado en preto de 700.000 euros. En referencia ao ano pasado, a convocatoria de 2022-2023 contará cun investimento un 7.7% superior, de xeito que se financien máis de 200 actividades que promocionan esta fórmula económica.


A nova é “que as actividades formativas se dirixan ao emprendemento na economía social de persoas menores de 30 anos”, indicou Toca no encontro. 

A Xunta destinará 35 millóns de euros á economía social por tratarse dunha “forza clave”

Te puede interesar