Xerome Vence, gañador do Concurso de Contos Vila de Pontedeume con “O ollo púrpura”

Xerome Vence, gañador do Concurso de Contos Vila de Pontedeume con “O ollo púrpura”
Xerome Vence, no centro, gañou o premio co conto "O ollo púrpura"

Sempre lle gustou escribir pero non foi ata hai máis ou menos un ano cando comezou a tomarse esta súa afección un pouco máis en serio. Xerome Vence Nieto, de 17 anos e natural de Vilagarcía de Arousa, desprazouse este mércores ata Pontedeume para recibir o premio da trixésimo terceira edición do Concurso de Contos Vila de Pontedeume, dotado con 600 euros.


Da súa obra, “O ollo púrpura”, valorouse a calidade formal e estilo, “fiado en canto á estrutura narrativa”. Tamén a homenaxe que o autor fai á oralidade, “con vontade de reflectir a fala popular, directa e sen filtros, que consegue un equilibrio entre a viveza da narrativa oral e unha complexa estructura, case cinematográfica”. Así se recolle na acta da reunión do xurado, integrado por Antonio Manuel Fraga (escritor eumés), en calidade de presidente; Cristina Fraga (directora e actriz de teatro); Brais Rey Capos (profesor e actor de teatro) e Rocío Tenreiro Villar (profesora de lingua e literatura españolas); e Esther Leira, en calidade de secretaria.


Xunto ao premio concedido a Vence, decidiuse outorgar un accésit ao conto “Perspectiva”, de Rosalía Bernárdez Riopedre, gañadora da anterior edición e que non puido estar presente no acto de entrega. Nesta edición presentáronse un total de nove traballos. “Estou moi contento. Hai xente nova que segue cultivando e consumindo a literatura e certames como estes son maneiras moi boas e exemplares para fomentar que se siga facendo”, destacou o gañador, que ten pensado estudar Maxisterio para ser profesor de Primaria peron sen deixar de lado a arte da escritura, “aínda que sexa como afección”.

 

Xarome Vence
Xerome Vence esta mañá trala entrega do premio en Pontedeume


En “O ollo púrpura” inspirouse nunha vivencia persoal pero “basicamente o que quixen recrear foi a fala popular das persoas maiores, nunha avoa, que conta contos como se fose recreando a forma oral na que intervén tanto o realismo como o fantástico, un pouco seguindo a liña de Cunqueiro, do realismo máxico”, explica.


O acto de entrega do premio coicindiu, como é xa tradición, coa conmemoración do día das Letras Galegas, unha data para reivindicar o uso dunha lingua que, en opinión deste mozo de Vilagarcía de Arousa, “hai que seguir fomentando, mais tamén vexo que hai máis xente da que parece que si loita e si emprega o galego no uso diario, persoas que queren falar galego e dignificalo. A loita é moito máis poderosa do que pode parecer”, asevera.

Xerome Vence, gañador do Concurso de Contos Vila de Pontedeume con “O ollo púrpura”

Te puede interesar