Volta ao pasado esta fin de semana en Pedroso cunha nova edición do Mercado ancestral

Volta ao pasado esta fin de semana en Pedroso cunha nova edición do Mercado ancestral
Un instante da presentación, onte, na casa consistorial de Narón I Cedida

A concelleira de Festas e Feiras de Narón, Natalia Hermida, presentou onte a segunda edición do Mercado ancestral de Pedroso. Fíxoo acompañada por Flor Felgar e Daniel Fernández, presidenta e vogal, respectivamente, da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña” de Pedroso. A edil naronesa avanzou que se instalarán para a ocasión unha trintena de postos xunto ao local social da entidade.


A iniciativa comezará o venres ás 17.00 horas e prolongarase tamén o sábado e o domingo, xornadas nas que os postos abrirán as súas portas de 11.00 a 15.00 e dende as 17.00 ata as 23.00 horas.


Dende o Concello indican que haberá preto dunha trintena de postos de diversa índole: de alimentación –churrería, panadería, embutidos ou doces–; tamén de comida rápida –taberna, crepería, bolos…– e outros de venda de diferentes artigos –bisutería, sacos térmicos, roupa, minerais, pezas de ganchillo, xoguetes ou incienso, entre outros–.


“Haberá unha gran variedade de propostas para que as persoas que se despracen a Pedroso poidan gozar dunha agradable xornada”, afirmou a responsable municipal.

 

Actividades

Ao apartado dos postos súmase unha ampla programación deseñada para os tres días, con actuacións de faunos, acrobacias, espectáculos de circo e lume, sesións musicais, xigantes ou minotauros. Haberá, así mesmo, varias atraccións infantís instaladas na zona e un recuncho específico no que poderán xogar e participar en varios obradoiros. Outro dos atractivos serán os obradoiros de oficios antigos, como a talla de madeira ou a construción dunha gaita.


A presidenta da Pombiña amosou a vontade de que o evento se vaia consolidando nesta parroquia e dende o Concello invitan á veciñanza a desprazarse ata a parroquia de Pedroso.

 

Listaxes definitivas de admitidos nas escolas infantís

Noutra orde de cousas, a responsable de Ensino do Consistorio naronés, Mercedes Taibo, informou onte de que as persoas que solicitaron praza nalgunha das tres escolas infantís municipais –A Solaina, A Gándara e Piñeiros– para os seus fillos e fillas de entre 0 e 3 anos poden consultar as listaxes de admitidos na casa consistorial ou a través da dirección web http://www.naron.es/web/cat/gal/concello/escuelas_infantis/.


Dende o Concello lembran que as matrículas definitivas para o curso 2023-2024 deberán formalizarse aínda nos meses de verán, como vén sendo habitual.

Volta ao pasado esta fin de semana en Pedroso cunha nova edición do Mercado ancestral

Te puede interesar