Veciños de Valdoviño solicitan melloras no servizo de Pediatría

Veciños de Valdoviño solicitan melloras no servizo de Pediatría
Centro de Salud de Valdoviño | AEC

Familias de Valdoviño trasladaron nas últimas horas ao alcalde da vila, Alberto González, o seu malestar polas deficiencias que se veñen producindo nas últimas semanas no servizo de pediatría do centro de saúde local. O xermo do problema, subliñan desde o consistorio, “non é outro que a decisión do Sergas de que a titular da praza teña que desprazarse a maior parte da semana ao centro de Cedeira para atender alí aos pequenos da vila”. Por elo, o Concello valdoviñés contactará de forma inmediata coa Xerencia da Área Sanitaria para abordar o tema, aseguran.


Segundo denuncian as familias con nenos afectadas, dos cinco días de atención semanal, a profesional con praza en Valdoviño, pasa tres en Cedeira. Unha situación que deixa como principais damnificados aos nenos valdoviñeses, explican desde o goberno municipal. Cómpre salientar que nas xornadas nas que a doctora está desprazada os pequenos que precisan atención son recibidos polos médicos de familia do centro, “cunha plantiña minguada pola baixa dun destes profesionais, o que deriva nunha situación de saturación”, indican os afectados.


Explican desde Alcaldía, que “o Concello fai súa a preocupación das familias e contactará de inmediato coa Xerencia da Área Sanitaria para pedir solucións”. Por todo elo, desde o goberno local e as familias demandan que se recupere o servizo todos os días da semana, “aínda que ante a falta de cobertura en Cedeira se atendan no centro local aos rapaces da vila veciña”, precisan.
Sobre o asunto o rexedor manifestou que “non pode ser que os nenos de Valdoviño paguen a falta de pediatra en Cedeira”. Asimesmo, desde o Consistorio lembran a todos os veciños da vila que é necesario que a veciñanza dea de alta a súa tarxeta sanitaria en Valdoviño. “unha medida que resulta clave á hora de determinar o aumento de persoal para ofrecer un mellor servizo e atención”, asegura Alberto González.


Conciliación Semana Santa 

O Consistorio valdoviñés informa tamén que este ano reactivará o programa Concilia Deportes en Semana Santa, para contribuir a conciliar a vida familiar dos veciños durante as vindeiras vacacións escolares. A iniciativa está pensada para nenos entre os 4 e os 12 anos. O programa desenvolverase no pavillón municial do Longoiro os días 3, 4 e 5 de abril, con entrada flexible entre as 8 e as 10 da mañá e saída ás 14.00 horas. Nese período a rapazada poderá participar en xogos tradicionais e musicais, obradoiros de reciclaxe ou practicar unha morea de disciplinas deportivas como poden ser fútbol, hockey, tenis ou bádminton, entre outros. A matrícula abrirase hoxe mesmo e as prazas outorgaranse por rigorosa orde de presentación.


Obradoiro na biblioteca 

Así mesmo, a ilustradora Elisabet Hillerud impartirá na vila o obradoiro: “Letra inicial adornada con Zentangle”, que terá lugar o 25 de marzo ás 11.30 horas. A acción diríxese a nenos a partir dos sete anos e público adulto. A inscripción abrirase hoxe e ata o día 24 ou ata completar aforo. Para anotarse é preciso chamar ao teléfono 981 487 666 ou facelo de forma presencial na Casa da Cultura

Veciños de Valdoviño solicitan melloras no servizo de Pediatría

Te puede interesar