Poucas das princesas que protagonizan algúns dos contos máis coñecidos puxeron algunha vez límite aos seus namorados, cativadores ou compañeiros de aventuras. Ningunha, que se saiba ata a data, fixo saber ao público os seus gustos persoais pero todos coñecían o irrefreable anhelo que todo o podía: o amor romántico. Con el tamén se puideron ver os mitos que conleva e nunca ninguén se parou a pensar en cal sería a profesión soñada de Brancaneves ou cal era a cor favorita de Ariel.
Sarabela Teatro trae a Narón –este sábado día 17 a partir das 20.00 horas– unha visión diferente dun clásico. “A Cincenta que non quería comer perdices” presenta a unha princesa nunca vista até o momento: vexetariana, de aí o non querer comer nin unha perdiz máis. Depois dunha noite de festa coas amigas esperta na súa casa cando chaman á porta por unha leria cun zapato.
Esta historia, explican desde a compañía teatral, podería ser a de calquera muller, nin máis nin menos. É a vida de alguén que se deixou levar polos ideais clásicos do romanticismo e acabou sendo vítima pero que, aos poucos, comeza a abrir os ollos, a cuestionarse premisas ata ese momento inamovibles.
É dicir, a historia clásica chega a tempos contemporáneos onde á Cincenta “empézanlle a mancar os zapatos, que son moi bonitos pero non para todos os días e o príncipe sáelle un pouco ra”, explican dende Sarabela, deixando entrever parte do carácter diferenciador desta obra. Neste sentido, o gran descubrimento da protagonista é saber que non precisa de fadas madriñas que lle solucionen a vida.
A protagonista non é quen de ver esas “bandeiras vermellas” que van aparecendo na relación e se cuestiona sobre as táboas “que é o amor”. “Ela cae na trampa do romántico e de aí a escolla desta obra. As relacións entre os máis novos están mudando, isto non o inventamos nós, e cada vez son máis intensas pero que non se basean no coñecemento. Son moi rápidas”, expón o colectivo.
Precisamente esta representatividade fai deste espectáculo unha proposta para un público interxeracional. No patio de butacas mestúranse idades, ideoloxías ou crenzas que, curiosamente, conseguen mesturarse grazas á capacidade de empatía que se transmite desde encima do escenario dende o pasado mes de setembro, data de estrea.
Ata o momento, tal e como recoñece a compañía, a resposta por parte do público “é realmente fantástica. Representamos a obra en todo tipo de espazos e para todo tipo de espectadores e cada vez obtemos unha reacción diferente, mais sempre sorprende”, asegura o grupo.
Cunha estética máis que coidada sobre as táboas, os de ourense chegan a Narón para, sempre co humor por bandeira, facer pensar, rir e, por riba, desfrutar da maxia do teatro.