Orgullosos de crecer no rural. Iso é o que define a Alejandra Souto, Nuno González e Alexandre Doutón, os tres estudantes do CPI Plurilingüe Virxe da Cela, en Monfero, que no mes de setembro partirán até Bruxelas para, diante do Parlamento Europeo, por en valor a importancia do seu mundo, no que medraron, e no que esperan poder vivir nun futuro.
A pesar da corta idade, este grupo é crítico coa situación que sofren todos aqueles que teñen claro que o seu lugar non está nas grandes cidades, conscientes de que neste eido non teñen todas as posibilidades que ofrece unha urbe. Malia todo, téñeno bastante claro: queren poder gozar, ata ben maiores, da “liberdade e dos valores” que lles outorgou nacer “no medio do monte”.
De feito, reafirman que a oportunidade Rede Compás, na que o centro participa dende principios do curso 2024-2025, permitirá elevar a nivel europeo situacións críticas como é o despoboamento do rural, cuestión que xa presentaron na sala de plenos municipal ao tenente alcalde do seu concello, Alberto Cortizas.
Agora xa están máis que inmersos nesta proposta –que levan a cabo no marco da convocatoria Erasmus Plus KA154 a través dun convenio de colaboración coa Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso)– pero o grupo de alumnos comenta entre risas que empezaron por “perder clase”. Se a isto, que sempre é unha motivación, se lle suma a conciencia que presentan ante a temática exposta, o resultado sempre é positivo.
Verónica Dopico é a profesora que está detrás desta campaña, que preparou con máis dunha vintena de estudantes, e que estarán representados por Souto, González e Doutón. “Estamos encantados de ser un dos cinco centros galegos presentes. Chamáronnos especificamente a nós e iso é un orgullo”, asegura. “Estamos moi contentos por este labor, por ter superado todo un ano que foi sumamente difícil e complicado”, explica, xa que este traballo haino que realizar a maiores das horas lectivas.
E pese a que “o postre, a guinda final é Bruxelas”, expón, “o proxecto é o camiño. Este tipo de actuacións, as que fai a Rede Compás, xeran una conciencia crítica e capacidade reflexiva no alumnado. É, sen dúbida, unha oportunidade para que teñan voz, sendo quen de pensar, deseñando o seu camiño vital. Estas son oportunidades que a escola, como administración pública, ten que brindar”, asevera.
“No rural faltan servizos”, aseguran os estudantes. “Despois de preparar este proxecto, con encontros no centro nos que traballabamos os nosos obxectivos, observamos que o sector primario non está ben compensado, non está valorado como se merece”, explican. “Entón imos poñer enriba da mesa a situación do sector primario, falar das granxas familiares, das pequenas explotacións”, que teñen ben presentes. Nuno, por exemplo, é fillo de pais gandeiros, e explica que este “é un mundo inestable”.
Desta forma, ven que a mocidade se divide en dous grupos, “os que queren acabar a ESO e poñerse a traballar nas granxas, e aqueles que pensan en marchar o antes posible, ir ás cidades”. Eles, pola contra, esperan “marchar e poder volver, pero en moitos casos non temos a posibilidade”.
Cren que os que poderían optar por este campo profesional son aqueles “que sigan mantendo familia no rural, porque están acostumados. Coñecen as granxas e saben o que valen”.
“Ademais”, engaden, “esta é unha forma distinta de criarse”. Fan referencia a crecer nun ambiente rodeado de animais no que poden ver o mundo tal e como é, pero tamén a “liberdade” que dende moi pequenos lles outorgaba unha bicicleta, coa que ir “á piscina ou á casa dun veciño”, xa que mil ollos miraban por eles nun ambiente máis que seguro que, a fin de contas, xera “unha maneira diferente de pensar e ver o mundo”.
Son 1.738 quilómetros os que separan as instalacións escolares do Parlamento Europeo, unha viaxe que, sen dúbida, sería imposible sen o apoio das familias, cuestión que a docente e a directora do centro, Camino Pereiro, non poden máis que agradecer.
Aseguran que “quedamos realmente sorprendidas. Cando nos puxemos en contacto con eles, para falar do desprazamento, todos foron moi participativos. Estaban encantados co labor do colexio, cos seus fillos e con este momento que é tan especial para eles”, explica Dopico.
Pola súa banda, Pereiro engade que “ver fogares tan agradecidos, tendo en conta que esta non é unha cuestión puramente académica xa que non se avalía, é marabilloso. Sabemos que este é un proxecto moi difícil de coordinar; tes que facer unha gran xestión das horas pero chega a resposta, na que os pais están pensando, inclusive, en facer unha viaxe paralela para poder ver aos seus fillos falar no Parlamento Europeo. Realmente é xente comprometida e agradecida con tanto esforzo”, valora.
Pero hai máis. Estas casas son “parte da realidade social”, explican, “e ven que os seus fillos e fillas teñen capacidade para pensar por si mesmos e ver que vivir no rural está xenial. Deciden, falan. Iso tamén é realmente importante”, explica esta parella de profesoras que, ao mesmo tempo, inciden en que “a rapazada precisa ter poder de decisión no seu camiño vital e esta oportunidade permite coñecer perspectivas diferentes para, despois, medrar como persoa. Entón, todo isto, son experiencias que lles abren os ollos, coñecen posibilidades”, explicaron as docentes.
Agora, ese pensamento crítico que se formou no Virxe da Cela cun grupo no que tomaron parte máis de vinte alumnos, vaise coñecer en Europa da man de tres estudantes que teñen como bandeira a defensa do seu: un rural do que estar ben orgulloso.